O Deportivo continúa na Copa do Rei tras superar ao Mariño de Luanco no partido da primeira eliminatoria por 1 gol a 4. Ramón adiantou aos locais no minuto 13 pero César, Pandiani en dúas ocasións e Víctor augaron a festa aos asturianos. Os branquiazuis -
Turienzo Álvarez dirixiu un partido no que o Deportivo formou de inicio con Nuno, Héctor, César, Naybet, Capdevila, José Manuel, Mauro, Emerson, Víctor, Djalminha e Pandiani. No segundo tempo Javier Irureta deu entrada a Hélder, Scaloni e Dani Mallo. O novo gardameta demostrou no seu debut a súa calidade baixo paus xa que o Mariño, a pesar do resultado adverso, non renunciou en ningún momento a buscar a porta rival.
Polo Mariño formaron Edu, Luís, Álvaro, José Alberto, Gabi, Cabal, Ramón, Mario, Javi, Pipi e Hugo Fontes.
Nos prolegómenos do partido houbo actuación de banda de gaitas e Miramar foi unha auténtica festa con 5.300 afeccionados envorcados co seu equipo pero que non renunciaron nos minutos finais a saltar ao céspede buscando os autógrafos dos xogadores deportivistas.
O Mariño saíu con moitas ganas, buscando a porta rival sen medos arroupados pola súa afección. E atopárona, no minuto 13 Ramón inauguraba o marcador para os locais. Pero os deportivistas non queren renunciar á Copa do Rei e remontaron rapidamente o resultado. César igualou, Pandiani adiantaba ao Deportivo, Víctor sentenciaba o 1-3 e o dianteiro uruguaio anotaría o cuarto gol visitante. Pandiani dispuxo de máis ocasións, unha delas un gol anulado polo colexiado. Pero o marcador xa non sufriu variacións.
O Deportivo continúa por tanto na Copa do Rei. O luns será o sorteo para a seguinte eliminatoria. Esta noite, o regreso en autobús con parada en Otur para cear. E xa pensando no partido do domingo en Tenerife.