O Dépor ABANCA encaixou na súa visita ao Alhama CF El Pozo unha derrota "moi dura" tal e como apuntou Fran Alonso nas declaracións pospartido.
O técnico non puxo ningún pero ao triunfo do conxunto murciano, que "foi mellor que nós". "Estivemos moi mal en todas as facetas do xogo", subliñou.
Con este resultado, As Nosas quedan con 5 puntos na 11ª posición.
Causaron baixa Espe Pizarro e Raquel García, neste caso cunha lesión muscular na súa perna esquerda.
Paula Novo, titular ademais no carril dereito, foi a representante de ANOSACANTEIRA na convocatoria.
Non empezou ben o encontro para As Nosas.
Ao minuto 13, o Alhama CF aprovéitase dunha mala saída de balón e Gestera coloca o esférico no recanto dereito da portería de Yohana.
Este gol temperán fixo dano ao Dépor ABANCA, que pasou varios minutos incapaz de crear perigo.
A primeira oportunidade do encontro foi para Ainhoa Marín. Vaise do seu par, entra na área e o seu remate sácao o porteiro do Alhama CF El Pozo, Elena, a saque de esquina con moitos apuros.
Respondeu o conxunto murciano con outra boa acción colectiva que termina cunha cabezada de Astrid no segundo pau á rede. Corría o minuto 40.
Con 2-0 no marcador a pesar de que a posesión do balón (63%) era do Dépor ABANCA concluíu a primeira metade.
Após o paso polos vestiarios, Fran Alonso tenta cambiar o ritmo coa entrada de Marina Artero, Olaya e Millene por Vera, Eva Dios e Olaya.
A segunda parte arrincou con outro golpe. Belén, no segundo pau e libre de marca, fai o terceiro após recibir un centro desde a banda esquerda.
Non era o día do Dépor ABANCA, atascado en ataque.
Só un disparo de Henar ás mans de Elena e un lanzamento afastado de falta da canteirá deportivista Elena foron os remates máis perigosos neste tramo do partido.
Monteagudo, aos 73 minutos, logrou marcar por segundo partido consecutivo. Após a saída dun córner, aproveitou un balón morto na área do Alhama CF El Pozo para anotar o gol da honra.
Este tanto si espoleou ás branquiazuis.
Ainhoa Marín faise cun balón case no centro do campo e tenta unha vaselina á que responde Elena cunha gran parada.
Pouco despois, a deportivista Elena lanza outra falta na frontal que a súa homónima murciana desvía con acerto.
"Fomos de menos a máis pero non nos deu nin sequera para sacar un punto", concluíu Fran Alonso.
Alhama CF: Elena, Nuria, Coco, Yiyi (Alba, min. 90+1), Pinel (Estefa, min. 82), Astrid, Anita, Gestera (Mariana, min. 82), Encarni (Yannel, min. 67), Belén (Vega, min. 90+1) e Carla
Deportivo: Yohana, Paula Novo, Barth, Vera (Marina Artero, min. 46), Elena, Monteagudo (Bárbara, min. 76), Paula G. (Lucía Martínez, min. 76), Eva Dios (Millene, min. 46), Olaya (Henar, min. 46), Ainhoa Marín e Marisa
Árbitra: Andrea Fírvida Fernández, do comité aragonés. Amoestou a Elena (min. 45), Gestera (min. 72), Anita (min. 82) e Carla (min. 90)
Goles: 1-0 Gestera (min. 13); 2-0 Astrid (min. 40); 3-0 Belén (min. 53); 3-1 Monteagudo (min. 73)
Incidencias: partido correspondente á 6ª xornada en Liga F disputado no Pinatar Area
