RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso: "É importante para nós facer un bo partido, recuperar sensacións e pasar á seguinte rolda"

Fran Alonso manifestou este martes na sala de prensa do Dépor Training Center que, co FC Barcelona o domingo 9 ás 12:00 no Estadi Johan Cruyff en liga, "só pensamos no partido de Copa (este mércores 5 ás 20:00 en Las Palmas ante o Guiniguada Apolinario CD). É importante para nós facer un bo partido, recuperar sensacións e pasar á seguinte rolda".

O técnico deportivista subliña que a Copa "é unha competición que nos fai moitísima ilusión e queremos chegar o máis lonxe posible".

Así pois, insiste en que "no noso pensamento só está o Guiniguada Apolinario CD. Temos que tentar facer unha boa actuación e tentar gañar o partido. É o único no que pensamos. Estamos moi enchufadas e preparándoo moi ben".

Do conxunto canario, Fran Alonso destaca que "vén nunha boa serie. Ten moitísimos recursos de xogo directo. Tanto unha central como a porteira teñen moi bo golpeo, con bastante ben traballadas as disputas e as caídas. Nun campo de céspede artificial é un equipo que non vai ser nada fácil. Imos desde o principio a entrar enchufadas, a tentar impor o noso xogo e darlle moitísimo valor ao partido".