RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

Fran Alonso fala de derrota "dura" e está "orgulloso do traballo das xogadoras"

Fran Alonso cre que derrotas como a deste domingo en ABANCA-RIAZOR ante o Madrid CFF son "derrotas duras. A sensación no vestiario era que era penalti a Paula Gutiérrez e non era o de Henar. Aínda así, quedamos con esa reacción do equipo no segundo tempo. Fomos moi agresivas, sacamos xogadoras novas de ANOSACANTEIRA e durante moitos minutos logramos someter a un moi bo equipo. Esa é a parte positiva".

Iso si, admite que "cando estás tan preto con esa ocasión e non logras os 3 puntos, o equipo está decepcionado. Eu como adestrador estou orgulloso do traballo das xogadoras, sobre todo no segundo tempo".

O técnico deportivista lamentouse de "a mala fortuna nas decisións (arbitrais), perdemos a Samara ao principio... foi un partido un pouco accidentado. Quedo coa imaxe do equipo no segundo tempo e que podemos competir a moi bo nivel contra equipos que son moi bos".

De Paula Monteagudo, autora do primeiro gol dunha canteirá do Dépor ABANCA en Liga F, asegura estar "moi orgulloso. O ano pasado non tivo oportunidade connosco. Xogou toda a temporada no B. Este ano ten ficha do primeiro equipo. Estivo rendendo a moi bo nivel, traballando moi duro. É un orgullo que unha xogadora de aquí, de ANOSACANTEIRA marcase. Sei o que traballou, mesmo durante o verán".

Finalmente sobre Millene, que reaparecía no tramo final após a súa lesión, opina que "é unha xogadora á que botamos moito de menos. Foi unha pena porque cando se lesionou en pretemporada estaba a render a un nivel espectacular, marcando goles, asistencias... Estaba a xogar ao mellor nivel desde que eu cheguei aquí. Tivo un período bastante longo de recuperación pero ver o sorriso, a ilusión que iso crea en #ANOSAFORZA... vainos a dar moitísimo".