O Dépor ABANCA regresou a ABANCA-RIAZOR este domingo 28 de setembro cun partido "accidentado", tal e como manifestou en rolda de prensa Fran Alonso, ante o Madrid CFF.
As Nosas perderon a Samara por lesión aos 20 minutos, até 2 futbolistas máis necesitaron atención médica durante o partido, o primeiro gol visitante chegou nun penalti moi discutido de Henar na prolongación da primeira metade e para o colmo o gol do triunfo do Madrid CFF veu no minuto 89, case sen tempo para reaccionar.
Con este resultado, o conxunto branquiazul queda con 5 puntos na 9ª posición da Liga F.
A boa noticia foi a volta de Millene, que arrincou no banco superada a lesión que a tivo á marxe do equipo no que vai de temporada e tivo os seus minutos de xogo na recta final.
Paula Novo, Redru e Michi Apóstol foron as representantes de ANOSACANTEIRA. As dúas últimas participaron onte sábado no encontro do Dépor ABANCA B en Avilés.
Empezou ben o Madrid CFF, que asediou a portería deportivista a base de centros laterais principalmente por banda dereita.
Ao cuarto de hora, Marcetto márchase de Vera e o seu disparo repéleo con apuros Inês Pereira.
Custáballe ao Dépor ABANCA chegar á portería de Belén.
Seguían as malas noticias. Samara viuse obrigada a pedir o cambio aos 20 minutos cunha molestia nos isquiotibiais. No seu lugar entrou Paula Novo.
Nati, desde fóra da área, no minuto 25 tamén fixo traballar á porteira deportivista, esta vez co pé.
A primeira ocasión clara do Dépor ABANCA foi para Paula Gutiérrez case na recta final do primeiro tempo. A centrocampista adiántase ao seu par na área pequena pero Belén, a porteira madrileña, evita o gol despexando co pé.
Na prolongación, Olaya a punto estivo de aproveitar unha indecisión de Belén ca súa defensa. O balón sácao Mónica case baixo paus.
E neste tempo extra, a colexiada do encontro, a castelán-leonesa Raquel Suárez, sinalou penalti unha acción na que Henar despexou con forza un balón ante a penetración da madrileña Anita en liña de fondo.
Após consultar no VAR, a árbitra ratificou a súa decisión.
Mónica marca a pena máxima e o Madrid CFF ponse por diante no marcador.
"Non estivemos ben. Tentamos ser agresivas pero estaban a atoparnos as costas con facilidade", resumiu Fran Alonso estes primeiros 45 minutos.
Após o paso polos vestiarios, "axustamos ben, sobrepuxémonos ben e no segundo tempo fomos dominadoras", apuntou o técnico deportivista.
Olaya lanzou unha falta directa desde fóra da área. Belén despéxaa e Barth non chega por pouco ao rexeite en boca de gol. Salvou Mónica en última instancia.
Pouco despois, Marisa remata alto na área, quizais algo forzada.
Fran Alonso move o banco. Eva Dios e Elena substituíron a Henar e Marina Artero.
A canteirá Monteagudo, que xoga de lateral zurda, empata o partido no minuto 66. Recibe de Ainhoa Marín en posición de dianteiro centro, entre a defensa madrileña, e bate a Belén no man a man.
Marisa puido adiantar ao Dépor ABANCA no minuto 73 nunha contra protagonizada por ela e Ainhoa Marín. A dianteira acaba a xogada rematando fóra ante Belén con todo a favor. Foi a xogada clave do partido.
"Fomos a por o partido. O empate non nos valía. Tivemos un par de ocasions, unha clarísima", lamentouse o adestrador do Dépor ABANCA.
O Madrid CFF, que sufriu na segunda metade, tivo a súa opción de marcar o segundo no minuto 85. Allegra recibe no segundo pau e o seu disparo, colocado, repéleo o poste esquerdo da meta de Inês Pereira.
O gol do triunfo madrileño chegou no minuto 89. Nunha falta lateral ao segundo pau Marcetto mete o balón raso na área pequena e Mendoza, sen oposición, marca o segundo e definitivo tanto.
"Cando perdoas sempre pódeche pasar. Fixemos unha falta parva e a segunda xogada fixo que ao final nos vaiamos con nada", afirmou Fran Alonso.
Non houbo tempo para máis. "Quedo coa boa imaxe do equipo no segundo tempo e o cerquiña que estivemos de conseguir os 3 puntos", concluíu Fran Alonso.
Deportivo ABANCA: Inês Pereira, Samara (Paula Novo, min. 22), Vera, Henar (Eva Dios, min. 61), Marina Artero (Elena, min. 61), Paula G., Olaya (Bárbara, min. 80), Monteagudo, Ainhoa Marín, Marisa (Millene, min. 80) e Barth
Madrid CFF: Belén, Villa, Mónica (Esther, min. 83), Nati (Nautnes, min. 57), Marcetto, Anita, Alba (Kamilla, min. 83), Allegra, Mendoza, Sosa (Hildur, min. 71) e Marina (Nerea, min. 71)
Árbitra: Raquel Suárez, do comité castelán-leonés. Amoestou a Marisa (min. 28), Henar (min. 45+6) e Villa (min. 55)
Goles: 0-1 Mónica (min. 45+11); 1-1 Monteagudo (min. 66); 1-2 Mendoza (min. 89)
Incidencias: partido disputado en ABANCA-RIAZOR ante 1.340 espectadores
