RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Lucas Noubi, o segundo dos internacionais branquiazuis, traballou con normalidade nun Dépor xa "centrado no partido do Racing"

O segundo dos internacionais do Dépor nesta xanela de seleccións, Lucas Noubi, xa se adestrou este xoves 16 de outubro con normalidade no Dépor Training Center.

O belga non chegou a saltar ao céspede nos encontros xogados polo seu combinado nacional sub-21 fronte a Gales e a Dinamarca.

Con só Ximo Navarro con adestramento personalizado e Daniel Bachmann con repouso deportivo, Antonio Hidalgo xa esbozou no campo 2 na sesión forte da semana o plan para o partido deste domingo 19 de outubro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible tamén en DIGI TV e outras plataformas) en El Sardinero ante o Real Racing Club.

Non sen antes, tal e como subliñou Miguel Loureiro en rolda de prensa, pasar pola sala de vídeo "para ver os erros que cometemos e facer unha análise completa do partido".

O central deportivista advirte que os futbolistas viron "non só as cousas que fan mal. A pesar de que o resultado foi moi negativo hai cousas positivas. Iso forma parte da primeira parte da semana e agora xa centrados no partido do Racing".

Conclúe que "hai que prestar moita atención sobre todo ao aspecto defensivo, tentar non cometer erros, ser sólidos e conceder pouco".

Loureiro recalca que "a primeira parte da semana tratamos de corrixir os erros que cometemos. Cando ganas tamén hai cousas que non fas ben. Hai que prestar atención aos erros pero quedar tamén coas cousas positivas e non caer nese pesimismo porque sexa unha derrota dura".

Hugo Ríos, Samu, Fabi e Noé foron os representantes de ANOSACANTEIRA.

Este venres, Os Nosos adestraranse de novo a partir das 10:30 no Dépor Training Center.