RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Miguel Loureiro: "Nós no vestiario somos plenamente conscientes da dificultade da categoría"

Miguel Loureiro asegurou na sala de prensa do Dépor Training Center que esta semana de adestramento, despois da derrota de Málaga, é "moi parecida ás demais".

O central deportivista explica que "igual que as semanas nas que os resultados estaban a saír que dá xenio e estabamos nesa xeira fóra era todo optimismo e había que pór o freo; nós no vestiario somos plenamente conscientes da dificultade da categoría".

Nesta liña, insiste en que "temos unha gran vantaxe se en ningún momento perdemos ese foco, esa perspectiva".

Lembra que "isto é fútbol, os rivais tamén xogan e vannos a pór as cousas complicadas en moitas máis ocasións. Temos que ser capaces de sobrepornos a todo iso. A parte mental é moi importante para o éxito dun equipo".

Cre que "estamos na liña correcta, somos todos conscientes do que nos espera e temos todos unhas ganas tremendas de que chegue a fin de semana para conseguir unha vitoria".

Do Real Racing Club, rival este domingo 19 de outubro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible tamén en DIGI TV e outras plataformas) en El Sardinero advirte que "é un rival moi perigoso, con futbolistas dos máis determinantes da categoría. Lévano demostrando moito tempo".

Por conseguinte, pide "prestar atención, ir a eses detalles dos que sempre fala o míster. Moitas veces eles son capaces de cambiar posición, de quedar descolgados, detectan moi ben as túas debilidades".

Vaticina un partido no que "hai que estar moi concentrados, tratar de que eses futbolistas determinantes teñan xente moi encima, que non teñan tempo para pensar porque cando o teñen, teñen unha capacidade brutal para atacar ás costas da liña defensiva".

Destaca a futbolistas como Íñigo ou a Andrés, "co que compartín vestiario. A pasada temporada fixo unha temporada incrible. Na parte de arriba teñen moitos recursos e moi diferentes. Nós aí temos que atopar esa solidez para evitar todas esas situacións de gol que afán crear en cada partido. Nós tamén temos unha chea de armas ofensivas, unha capacidade grande de facer dano aos rivais e non imos renunciar a iso".

Finalmente, Loureiro espera "un ambiente bonito" en El Sardinero: "Son partidos especiais, partidos con tanta xente, con ese ambiente de fútbol. Para o futbolista é moi positivo, gozámolo moito máis".