O Dépor ABANCA demostrou en Madrid boa parte do carácter que mantén ao equipo entre os primeiros da clasificación ao saber sobreporse a senllos golpes iniciais no partido.
Para este choque Manu Sánchez apostou pola continuidade do bloque que a pasada fin de semana caeu competindo até o final co Levante en terras valencianas. Para este segundo encontro consecutivo lonxe da Cidade Deportiva de Abegondo o único cambio foi o do regreso á titularidade de Athenea en substitución de Michelle Romero.
O partido empezou tremendamente dinámico, con intercambio de chegada a ambas as áreas, e un rápido gol de Silvia Rubio no minuto 4 de partido, batendo de socato a Sullastres, que xa tivera que intervir nunha ocasión anterior.
Pese ao rápido golpe en contra, o Dépor ABANCA soubo refacerse e buscou o balón e xerar ocasións para pór as táboas no marcador. As chegadas e ocasións sucedéronse nas botas de Athenea, Nuria ou Gaby. A dianteira venezolana, moi activa no primeiro tramo de partido, fixo o 1-1 ao anotar de cabeza o tanto do empate camiño do minuto 40 de partido. O Dépor ABANCA recuperaba deste xeito o equilibrio no marcador, facendo xustiza aos méritos de ambos os equipos no primeiro tempo.
O esforzo realizado para conseguir as táboas esfumouse nada máis comezar a segunda parte co tanto de Mellado ao reanudarse o xogo e que de novo obrigaba a remar ao contraxeito ás branquiazuis, hoxe xogando de verde, durante toda a segunda metade. De novo houbo que tirar de forza de vontade para non descomporse e buscar polo menos a igualada no marcador.
Estivo a piques de ampliar diferenzas o Madrid CFF cun remate ao traveseiro de Estela, pero a partir de aí o Dépor ABANCA foise decididamente a polo gol, lanzando varios córneres consecutivos e con chegadas por mediación de Tere, Athenea e unha especialmente incisiva Peke. O traballo da atacante vasca tivo a súa recompensa co tanto do empate con media hora aínda por diante.
O Dépor ABANCA non se conformaba unicamente cun punto e por mediación das goleadoras no día de hoxe tivo oportunidades para levar o tres ante un Madrid CFF que tampouco quería asinar as táboas e á contra tamén dispuxo das súas ocasións.
Finalmente un partido dinámico e cheo de alternativas en ambas as áreas acabou en empate.
Madrid CFF: Poza, Catalá, Turmo, Mari, Laura Fernández (Julia Hernández, min. 74), Mellado, Rubio, Estela, Laura Teruel, Giovana Queiroz (Delie, min. 74) e Yasmin (Reina, min. 66).
Dépor ABANCA: Sullastres, Cris, María Méndez, Laura (Villegas, min. 68), Nuria, Alba Merino (Maya, min. 73), Iris, Teresa Abelleira, Gaby, Athenea (Michelle Romero, min. 82) e Peke.
Goles: 1-0 Silvia Rubio (min. 4); 1-1 Gaby (min. 39); 2-1 Alba Mellado (min. 46); 2-2 Peke (min. 63).
Árbitro: Díaz García (c. Tinerfeño). Amonestoy a Yasmin (min. 90).
Incidencias: partido da 13ª xornada de LaLiga Iberdrola disputado no Estadio de Matapiñonera.
