RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor "adapta as cargas" xa co partido do Córdoba CF mañá venres en ABANCA-RIAZOR

O Dépor completou esta mañá na Cidade Deportiva de Abegondo unha nova sesión de adestramento xa cunha nova cita en LaLiga Hypermotion no horizonte máis próximo.

Explicou Óscar Gilsanz hoxe mesmo na rolda de prensa oficial prepartido que xogando o domingo en Oviedo e ante outra xornada mañá venres 7 de marzo ás 21:00 horas en ABANCA-RIAZOR ante o Córdoba CF (LaLiga TV Hypermotion, #Vamos e Fútbol 2), "é unha semana curta. Temos que adaptar as cargas, axustar o tempo de traballo. Case é máis importante o descanso neste tipo de semanas".

Confirmou as ausencias por lesión de Escudero e de Gauto, "que será baixa unhas semanas".

E finalmente explicou que Mfulu e Yeremay "onte fixeron unha parte do adestramento pero non hai ningún problema".

Baixo unha persistente choiva, o cadro, após unha activación con roldo, completou por grupos unha tarefa de finalizacións e un exercicio táctico de evolucións ofensivas.

Alberto foi o representante de #ANOSACANTEIRA.

Mañá venres, día do encontro ante o conxunto andaluz, Os Nosos adestraranse de novo ás 11:00 en Abegondo.