RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor busca mañá en Castellón, coa renda do 1-0 da ida, o pase á final do playoff de ascenso

O Deportivo, coa renda do 1-0 da ida do pasado domingo en ABANCA-RIAZOR, buscará mañá domingo 11 de xuño ás 18:00 en Castalia ante o CD Castellón (InSports.tv e TVG-2) o pase á final do playoff de ascenso a Segunda División.

O partido de volta xógase lonxe da Coruña posto que o conxunto castellonenco quedara mellor clasificado en liga: 3º (62 puntos) no grupo 2º de Primera Federación por 4º (con 67 puntos) os deportivistas no grupo 1º.

Por este mesmo motivo, os branquinegros teñen ademais outra vantaxe: en caso de empate na eliminatoria (vitoria pola mínima) despois da prórroga, pasarán á final xa que non hai lanzamentos desde o punto de penalti.

Iso si, ao Dépor válelle gañar o partido ou un empate para pasar a eliminatoria. De feito, tanto Jaime como Max Svensson, o goleador da ida, en rolda de prensa durante a semana subliñaron a idea de que o equipo debe saír a por o triunfo. "No vestiario témolo todos claro que temos que ir gañar o partido aínda que sexa fóra de casa e aínda que esteamos por diante agora mesmo", manifestou o central andaluz. 

"Temos que ir mentalizados a gañar o partido", recalcou o dianteiro catalán ante os medios de comunicación.

Pola súa banda, Rubén de la Barrera insiste en "ir alí a mandar, a que se atopen incómodos e a facer o partido que nos interese".

No entanto, advirte que "os matices che teñen que achegar a ser realmente competitivo" e, apunta, "iso pasa por non dividirse, non facerse longo nin en ataque nin en defensa. Iso ao rival de quenda vaille a esixir a facer moitas cousas para lograr desequilibrio por aí".

Non quere que o equipo mañá "empece a alargarse, froito desas distancias a desaxustarse e conceder" por iso pide que "tanto en campo propio como en campo contrario o equipo ten que funcionar como un e todos na foto".

O Dépor realizou esta mañá en ABANCA-RIAZOR, a porta pechada, a última sesión de traballo antes do partido. 

O corpo técnico branquiazul dispuxo, após un quecemento, un exercicio de evolucións ofensivas, un partido 11 contra 11 e, xa en 2 grupos, unha tarefa de balón parado ofensivo e defensivo.

Co canteirán Mella na lista, a única baixa para o partido por lesión é a de Alberto Quiles.

Por contra, o CD Castellón dos ex deportivistas Borja Granero, Salva Ruiz e Josep Calavera, o tres titulares a pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR, encoméndase á súa afección para pasar á final. A través das súas redes sociais, o Club lanzou esta semana a mensaxe de "Castalia Remonta".

O seu técnico, Albert Rudé, subliñou en rolda de prensa que "o equipo está perfectamente, todos ao 100%. Espero unha pota a presión, unha caldeira. Espero que Castalia xogue o seu papel, estou seguro que o fará".

Advirte que o encontro será "moi esixente, moi competido e esperamos saír vitoriosos".

No seu campo, os branquinegros mostráronse na liga como un equipo sólido, con 12 vitorias, 5 empates e tan só 2 derrotas.

O Dépor viaxa esta tarde directamente a Castellón e regresará á Coruña após o partido en Castalia.