RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Presentado o Memorial Moncho Rivera: o Racing-Dépor solidario do mércores en Ferrol

Esta mañá presentouse, no Concello de Ferrol, o encontro de fútbol amigable que este mércores (ás 20.00 horas) enfrontará ao Racing de Ferrol e o RC Deportivo no estadio da Malata, como broche final á vixésimo primeira edición do Torneo Victoria – Memorial Moncho Rivera, un torneo benéfico que organiza o Victoria CF, coa colaboración da Corporación Hijos de Rivera, e que recada fondos para dúas entidades sociais de gran impacto na cidade de Ferrol: ASPANEPS (Asociación de Pais e Nenos con Problemas Psicosociais) e ASFEDRO (Asociación Ferrolá de Drogodependencias).

Á presentación desta mañá asistiron as representantes de ambas as asociacións que se mostraron moi agradecidas por ser destinatarias da recadación. O evento estivo presidido polo alcalde de Ferrol, quen deu a benvida a todos os asistentes, entre eles os presidentes de ambos os clubs, Racing de Ferrol e RC Deportivo, o delegado da Federación Galega de Fútbol, o conselleiro delegado de Hijos de Rivera e o presidente do Victoria CF, organizador do campionato.

Para o alcalde de Ferrol Ángel Mato “é un auténtico pracer ter a oportunidade de presentar o Memorial Moncho Rivera, un evento moi importante para a cidade de Ferrol e que conta cun invitado deportivo de luxo”, como afirmou.

Após a benvida deu a palabra ás presidentas de ambas as entidades, ASFREDO e ASPANEPS. Para María Elena Rodríguez Seoane, de ASPANEPS: “é unha bendición, que nos fai máis fortes no noso labor diario a favor da inclusión dos nenos con problemas psicosociais”.

A continuación foi a quenda de Manuel Mesa, por parte da Federación Galega de Fútbol, quen deu as grazas aos asistentes e afirmou que “desde a federación tentaremos movelo entre toda a nosa masa social para que acudan ao evento; para tentar recadar o máximo posible a favor de ambas as institucións”.

O presidente do Racing de Ferrol, José María Criado afirmou que “o Memorial Moncho Rivera se celebre en Ferrol é unha mostra máis de que aquí vén a axudar ao Racing e á cidade. E agradeceu a Ignacio, en nome do club e de todos os ferroláns, que o Memorial se dispute na cidade e que sexa para dúas entidades que loitan pola mocidade de Ferrol”.

Por parte do RC Deportivo, Francisco Martínez Zas desexou que “o torneo tivese a maior afluencia de xente posible e asegurou que “desde o Deportivo faremos todo o que sexa posible para que así sexa”, asegurou.

Por parte do Victoria CF, Juan Carlos Vázquez referiuse ao partido como “moi significativo” para o Victoria, dada a boa relación con ambos os clubs, o Deportivo e o Racing. Aproveitou a ocasión para felicitar ao Racing polo seu Centenario, dentro do cal se enmarca tamén o encontro deste mércores.

Ignacio Rivera, conselleiro delegado de Hijos de Rivera, pechou o acto facendo mención á figura do seu pai, a quen rende homenaxe con este torneo. Manifestou a súa alegría por poder presentar un ano máis o Memorial e asegurou que: “Recodarlo a el encántame e estou seguro de que el estará moi contento de ver o que se fai aquí e deste torneo, nun sitio que el quería tanto”. “Para nós é un granito máis da colaboración, a favor de dúas institucións como ASFREDO e ASPANEPS, que fan un labor tan importante e tan necesaria”. Ignacio ademais agradeceu ao Victoria CF e a todos os presentes o seu labor para levar a cabo este torneo, e animou a todos os presentes a asistir ao partido por unha boa causa.

Venda de entradas

O prezo das entradas é de 5 euros para adultos, excepto para a zona de tribuna cuxo importe é de 8 euros para non socios, e gratuítas para os nenos menores de 14 anos. As entradas poden adquirirse xa na web: https://entradas.abanca.com/es/event/racing-ferrol-rc-deportivo/ e nos clubs de afeccionados da comarca de Ferrol, nas instalacións do Victoria CF e nos despachos de billetes do estadio da Malata desde hoxe e até o día do partido desde as 12:00 horas ininterrompidamente até as 20.00 horas.

Tamén é posible realizar doazóns mediante transferencia bancaria ao número de conta: ES53 2080 0064 9830 4001 2243.