RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Primeiro envite, este domingo ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR, entre un Fabril "con ilusión de poder seguir dando pasos" e o UCAM Murcia

O Fabril recibe ao UCAM Murcia no partido de ida da primeira eliminatoria do play off de ascenso a Primera Federación mañá domingo 11 de maio ás 19:00 en ABANCA-RIAZOR (YouTube RC Deportivo).

Manuel Pablo ve aos xogadores "bastante centrados no traballo, con ilusión de poder seguir dando pasos pero sabendo da dificultade".

O filial cambiou as súas rutinas e hoxe sábado realizou a última sesión de adestramento ás 18:30 en Abegondo, case á mesma hora do encontro.

Até en dúas ocasións pisou o Fabril ABANCA-RIAZOR esta temporada no grupo 1º de Segunda Federación, e o certo é que nada mal foron as cousas.

O 15 de setembro (3ª xornada) derrotou por 2-0 á SD Compostela e o 2 de febreiro (21ª xornada) por 3-0 ao poderoso Pontevedra CF, ao cabo campión de liga.

"Sentimos cómodos. É verdade que gañamos os dous partidos aí pero son só 2 nada máis. Isto é outra cousa", advertiu o técnico deportivista na súa rolda de prensa previa.

O Fabril, que entrou como 4º clasificado do grupo 1º nesta fase de ascenso, quedou emparellado co 3º do grupo 4º. Por esta circunstancia, o primeiro partido xógase na Coruña.

Os murcianos acabaron a liga no seu grupo con 60 puntos despois de 16 vitorias, 12 empates e 6 derrotas; con 46 goles a favor e 22 en contra. Pola súa banda, os fabrilistas sumaron 54 puntos con 16 ganados, 6 empatados e 12 perdidos; e con 48 tantos marcados e 29 recibidos.

O adestrador do UCAM Murcia, Germán Crespo, apuntou sobre o Fabril que "un 70 ou 80% ten xogadores novos pero logo teñen xogadores que coñecen perfectamente a categoría, que no xuvenil xogaron partidos partidos de Copa ou para tentar gañar o título".

Cualifica aos fabrilistas como "un rival complicado. Os equipos que están a xogar o play off é porque fixeron méritos durante toda a temporada".

Pide "ser nós e a tentar traer un bo resultado para o partido de volta", que se xogará o sábado 17 de maio ás 19:00 no Estadio BeSoccer La Condomina.

Por contra, Manuel Pablo cre que "de principio nunca se ten en conta a volta. Sempre queres facer un bo partido, un bo resultado; e despois, a medida que pasen os minutos, podes pensar en cambiar ou en pensar 'non somos capaces e se cadra non hai que perdelo'. Pero sempre vas ir a polo partido, a gañar".