RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Quiles fulmina ao CF Fuenlabrada (0-3)

Tres goles de Alberto Quiles deron ao Dépor unha contundente, merecida, tranquilizadora e revitalizadora vitoria en Fuenlabrada tralo inxusto empate da pasada xornada e antes da visita do líder a ABANCA-RIAZOR.

Óscar Cano, preparador branquiazul, realizou un único cambio con respecto ao último encontro, o empate fronte á Cultural y Deportiva Leonesa en ABANCA-RIAZOR. Ian Mackay regresou á portería deportivista en detrimento de Edu Sousa.

Sen dominar con extrema claridade o partido, o Deportivo foi mellor que o seu rival na primeira parte. Os branquiazuis comezaron un paso por diante do CF Fuenlabrada, xerando dúas accións de perigo antes de que se cumprise o minuto 5. Primeiro, un centro raso desde a dereita de Antoñito rematouno ao primeiro toque Mario Soriano e Dani Hernández atrapou o esférico en dous tempos. Despois, Mario Soriano estivo a piques de sorprender ao gardameta local desde 45 metros, que chapou con dificultade o intento de vaselina do '10' deportivista.

No minuto 9 produciuse a primeira e única acción de perigo do equipo local en todo o primeiro acto. O colexiado anulou un gol de Cubero nun libre directo porque Fer Ruiz se lanzou ao chan invadindo a zona da barreira deportivista antes do golpeo.

Max Svensson, ao cuarto de hora, probouno de lonxe pero o seu zurdazo marchouse á esquerda do portal fuenlabreño. Superada a media hora de encontro, un centro-chute de Raúl Carneiro puxo en aperto ao porteiro local, que capturou o coiro sobre a mesma liña de gol. No minuto 36, un novo centro raso desde a dereita de Antoñito após apertura de Rubén Díez rematouno Mario Soriano ao primeiro toque, chegando desde atrás. O tiro, moi desviado, estivo a piques de atopar no seu camiño a Quiles, que non puido desviar por centímetros cara á portería madrileña.

Esa mesma portería si a atopou o dianteiro onubense tres minutos máis tarde. Quiles atopouse un balón solto a 25 metros do marco e o seu disparo adquiriu unha parábola após rozar en Diamé que superou por riba a Dani Hernández.

Antes do descanso produciuse outra xogada transcendente, xa que o colexiado mostrou a segunda cartolina amarela a Diamé por unha acción de xogo perigoso sobre Quiles. O CF Fuenlabrada víase por baixo no marcador e con toda a segunda parte por diante con dez xogadores.

A pesar da superioridade numérica, o Dépor perdeu o balón nos primeiros minutos da segunda metade. Aínda que non por iso sufriu para conter ao CF Fuenlabrada. É máis, contrariamente ao vivido en varias ocasións esta temporada, viu de novo porta na súa primeira chegada neste período. No minuto 57, Isi Gómez atopou a Quiles nun balón longo ás costas dos centrais locais que o onubense controlou marabillosamente para acabar definindo con mestría ante a saída de Dani Hernández.

O 0-2 deixou o partido encarrilado pero non por iso o CF Fuenlabrada baixou os brazos. Con todo, no minuto 76, outro balón longo similar ao do 0-2, pero de botas de Zalazar, atopou na mesma posición a Quiles, que volveu vencer a resistencia do porteiro local para completar o seu 'hat-trick'. Cos seus tres tantos de hoxe, o pichichi do curso pasado suma 6 no que vai de temporada e tamén 6 nas últimas 6 xornadas.

Nos últimos minutos, os esforzos do CF Fuenlabrada por lograr o tanto da honra resultaron infrutuosos. O Deportivo soubo conter todas as súas acometidas e reservar forzas de cara aos próximos compromisos ante rivais directos.

Con este triunfo, o sétimo en 13 xornadas, terceiro fóra de casa e segundo consecutivo lonxe de ABANCA-RIAZOR, os herculinos alcanzan os 25 puntos, a 7 do líder, o Córdoba CF, próximo rival o sábado 3 de decembro ás 19:00 horas en ABANCA-RIAZOR.

CF Fuenlabrada: Dani Hernández, Iribas (Diego, min. 67), Sotillos, Juanma, Bolaño, Cubero, Diamé, Iban Salvador (Aguirre, min. 75), Cristóbal (Enzo Zidane, min. 67), Fer Ruiz (Javi Robles, min. 46) e Álex Alegría (Aleix, min. 75).

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Lapeña, Jaime, Raúl Carnero, Rubén Díez, Olabe (Zalazar, min. 75), Isi Gómez (Álex Bergantiños, min. 63), Quiles (Yeremay, min. 81), Svensson (Santamaría, min. 75) e Mario Soriano (Víctor Narro, min. 81).

Goles: 0-1 Quiles (min. 39); 0-2 Quiles (min. 57); 0-3 Quiles (min. 76).

Árbitro: Ruiz Álvarez (c. asturiano). Expulsou por dobre amarela ao local Diamé (min. 44). Cartón amarelo a Quiles (min. 8), Diamé (min. 13), Iribas (min. 59), Isi Gómez (min. 60) e Juanma (min. 90).

Incidencias: partido da 13ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada.