RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FUNDACIÓN

Técnicos da Fundación RC Deportivo comparten metodoloxía con clubs e escolas de fútbol de Montenegro

Javier Tejada, adestrador do Cadete A e da Escola RC Deportivo, e Álex Espiñeira, técnico do Dépor Genuine e igualmente da Escola RC Deportivo, atópanse esta semana en Montenegro grazas a unhas bolsas de mobilidade Erasmus para compartir metodoloxía e establecer relacións de cara a futuros proxectos con varios clubs do país balcánico.

Os técnicos da Fundación RC Deportivo viaxaron o pasado luns en Montenegro, de onde regresarán mañá domingo. Durante esta semana visitaron as instalacións de varios clubs, o estadio nacional e a universidade montenegrina.

Representantes dos clubs FK Budućnost Podgorica (que foi rival do Deportivo na Copa Intertoto hai 19 anos), FK Sutjeska Nikšić, Akademija Fudbala City e FK Lovćen Cetinje recibiron aos preparadores branquiazuis, que puideron transmitir os seus coñecementos e coñecer de primeira man a metodoloxía de canteira do país montenegrino. Onte mesmo, ambos presenciaron en directo a final da Copa de Montenegro en categoría sub-19.

Igualmente, da man do profesor Bojan Masanović, os técnicos branquiazuis charlaron co decano e varios profesores da Universidade das Ciencias do Deporte de Montenegro. Tejada e Espiñeira compartiron métodos e proxectos, coa intención de iniciar proxectos conxuntos cos clubs e o centro de estudos superiores, como a organización de DéporCampus ou os intercambios de xogadores e adestradores.