RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

Todo preparado no Dépor, con todo o cadro, para recibir esta tarde ao CF Talavera de la Reina

O Deportivo realizou esta mañá en ABANCA-RIAZOR unha suave sesión de activación de cara ao choque de liga desta tarde ás 20:00 horas (TVG-2 e InSports.tv) ante o CF Talavera de la Reina.

O partido corresponde á 1ª xornada do grupo 1º de Primeira Federación que foi aprazado no seu día xa que nun principio o Deportivo tiña como rival ao DUX Internacional de Madrid, excluído da competición poucos días despois.

A pasada fin de semana concluíu co equipo deportivista 6º na táboa con 8 puntos, pendente do encontro de hoxe para igualar a partidos co resto de rivais. Por arriba continúa líder o Córdoba CF con pleno de vitorias nas 5 xornadas disputadas.

Aínda que é semana de tres partidos co do pasado sábado en ABANCA-Balaídos e o do domingo ás 19:00 de novo en ABANCA-RIAZOR ante o San Fernando CD Insular, Borja Jiménez matizou onte en rolda de prensa que "estamos moi centrados no de mañá (por hoxe) e de momento non falamos nada do San Fernando CD Insular. Nin eu o vin. O meu único obxectivo agora mesmo é gañar mañá. A partir de aí, recuperar ben, o xoves e o venres destinalo a esa recuperación; e teremos tempo logo de preparar o sábado o partido ante o San Fernando, que é outro equipo que por nome de xogadores estou convencido de que a súa idea é estar arriba no alto da clasificación. Outra cousa é que en canto a puntos non empezasen ben, pero se ti miras o seu cadro son xogadores que ultimamente xogaron play off ou que queren xogar playoff".

Así pois, insiste o adestrador branquiazul que "o noso único obxectivo de momento é o CF Talavera de la Reina, gañar con #ANOSAFORZA e logo recuperar ben para volver gañar o domingo, que é sempre o mesmo, gañar, gañar e volver gañar".

Na sesión desta mañá no Estadio, despois dun quecemento con xogos, o corpo técnico dispuxo dunha tarefa de finalizacións e un último repaso ás accións a balón parado.

Ao concluír, Borja Jiménez citou a todo o seu cadro, dispoñible para competir. Só quedou fóra de citación o gardameta Pablo Brea, ao optar nesta ocasión o adestrador deportivista por Ian Mackay e Edu Sousa, os outros dous compañeiros de demarcación.

Pola súa banda, o CF Talavera de la Reina, repescado xa coa competición deste curso iniciada após descender a pasada temporada a Segunda RFEF, aínda non estreou a súa marcadora de puntos aínda que ten dous partidos menos xogados que o resto dos seus rivais.

A pasada fin de semana, caeu (2-1) no estadio dun dos favoritos ao título, o CF Fuenlabrada. Nos seus outros dous partidos disputados até a data non puido co Linares Deportivo (2-3) na 4ª xornada nin co Pontevedra CF (3-0) na 3ª, aínda que neste último caso, o cadro castelán-manchego xogou con dez futbolistas desde o minuto 17 por expulsión de Ander.

Finalizado o encontro desta tarde-noite en ABANCA-RIAZOR, o cadro deportivista ten previsto adestrarse de novo mañá xoves na Cidade Deportiva a partir das 10:30 horas.