O Fabril enfróntase mañá sábado 22 de febreiro ás 18:00 (YouTube RC Deportivo) en Abegondo ao Marino de Luanco, en partido correspondente á 24ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
Os fabrilistas, co triunfo da pasada fin de semana en Langreo, ocupan a 6ª posición con 33 puntos e un partido menos, o aprazado polo temporal en Santiago ante a SD Compostela que se xogará o mércores 19 de marzo ás 20:30 horas.
Manuel Pablo confirmou esta mañá na sala de prensa a recuperación de Kike Fernández pero segue sen poder contar con Aarón, Luisao e Noé.
No caso de Álex Pereira explicou "se tivésemos que forzar, que non vén ao caso, podería mesmo ser convocado, pero non son cousas para forzar".
Destaca o adestrador do filial que "cos que temos fomos sacando as cousas e se hai que levar un xuvenil, pois tamén o levaremos".
Pola súa banda, o Marino de Luanco que conta nas súas filas a ilustres veteranos como Morcillo, Lora ou o ex fabrilista Nacho Matador, é 7º con 32 puntos despois de empatar en Luanco (0-0) co Pontevedra CF.
No partido da primeira volta disputado o pasado 13 de outubro en Miramar perdeu o Fabril (2-0) cos dous goles asturianos nos primeiros 10 minutos.
Lonxe do seu campo esta campaña o Marino gañou á RS Gimnástica de Torrelavega (0-1), Pontevedra CF (0-1) e Bergantiños CF (1-2); empatou co Real Valladolid Promesas (1-1) e Salamanca CF UDS (0-0); e perdeu co UP Langreo (2-1), CD Numancia de Soria (1-0), Rayo Cantabria (4-2), Real Avilés Industrial (1-0), CD Laredo (3-1), Real Ávila CF (1-0) e SD Compostela (4-2).
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
