RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Viaxe e adestramento para Os Nosos en Castellón previo ao encontro que mañá luns en Castalia pecha a xornada "coa idea de ser competitivo en calquera circunstancia"

O Dépor pecha mañá luns 17 de marzo ás 20:30 (LaLiga TV Hypermotion) ante o CD Castellón en Castalia a 31ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Óscar Gilsanz afirma que "a semana pasada tocounos xogar de primeiros. Cando se acabou o partido sabiamos que o resto de equipos ía xogarse 6 puntos mentres nós non tiñamos a opción de xogar ningún".

Cre que "hai que adaptarse a xogar os luns. Mentalmente somos un equipo estable nese aspecto. Miramos para nós, para a importancia que ten o partido. O tema de xogar o luns e de ser o último partido xa nos pasou sendo un domingo. Non lle dou importancia a iso porque temos que mirar para nós, ao noso rendemento e a capacidade que temos como grupo de ter un rendemento estable".

Así pois, asegura que "imos a Castellón con esa idea de ser un equipo competitivo en calquera circunstancia contra un rival que nos vai a esixir tanto no plano defensivo como con balón tratando de ser rápidos na toma de decisións e na execución".

Os Nosos, co empate da pasada fin de semana ante o Córdoba CF en ABANCA-RIAZOR, chegan ao partido en 14ª posición con 40 puntos, 1 máis que os castellonencos.

Os branquiazuis tiveron un día previo, hoxe domingo, atarefado.

Pola mañá, a expedición deportivista viaxou a Castellón, vía Valencia, nun voo que despegou pola mañá desde o Aeroporto da Coruña.

Os futbolistas puideron xa lucir a roupa premium de K-Way durante a viaxe.

Pola tarde, Óscar Gilsanz dirixiu unha última sesión de traballo na Cidade Deportiva do CD Castellón sita en Oropesa baixo a choiva ao estilo Abegondo durante a primeira parte.

O corpo técnico dispuxo dunha activación cun roldo central e fútbol reducido, de alta intensidade.

Son baixa Escudero; Juan Gauto; Jaime, cunha ferida nun talón; e Villares, cunhas molestias musculares que xa lle impediron adestrarse co grupo durante boa parte da semana.

A pesar da substitución no banco do CD Castellón, Johan Plat relevou a Dick Schreuder o pasado mes de xaneiro, o adestrador deportivista asegura que "a esencia do xogo é moi parecida. Hai algunha variante. Non sempre parten de inicio con 3 e si algunhas veces con 4 atrasando a un dos pivotes. Na esencia é moi parecido aínda que tratándolle de dar un pouco máis de equilibrio".

Os levantinos chegan ao choque após a derrota en Elxe (3-1) da pasada fin de semana.

Na primeira volta disputada en ABANCA-RIAZOR o pasado 18 de decembro (20ª xornada) venceron os branquiazuis (5-1) con goles de Mella -2-, Villares, Barbero e Yeremay.

No seu campo esta temporada o CD Castellón gañou ao CD Tenerife (2-1), Levante UD (2-0), Málaga CF (2-0), FC Cartagena (4-1), SD Eibar (2-0) e Burgos CF (2-1); empatou co Real Oviedo (0-0) e Racing de Ferrol (0-0); e perdeu co Cádiz CF (1-3), Real Racing Club (0-1), Granada CF (2-3), CD Mirandés (1-3), Elche CF (0-2), Córdoba CF (1-2) e SD Huesca (0-1).

En rolda de prensa, Johan Plat lembra que ante o Dépor "non tivemos moito éxito nos nosos 3 últimos partidos. Vai ser un partido moi difícil no que teremos que ter coidado cos seus contraataques. Son moi perigosos nese aspecto. Teñen bos xogadores nese aspecto".

Finalizado o choque, Os Nosos regresan por estrada á Coruña e adestraranse de novo o mércores 19 de marzo ás 11:00 horas.