Cadros Históricos
Temporada 2018-2019

O Dépor chegou ao ecuador da competición na 4ª praza, a só 3 puntos da zona de ascenso directo, tras perder soamente 3 dos 21 primeiros partidos. Todas esas derrotas chegaron fóra de casa, ante Alcorcón (1-0), Cádiz (3-0) e Mallorca (1-0), pois en ABANCA-RIAZOR o equipo mostrábase intratable: 7 vitorias e 3 empates en 10 encontros. Esa extraordinaria primeira volta tamén deixou un rexistro de 13 xornadas consecutivas sen coñecer a derrota, entre as sufridas en Santo Domingo (5ª xornada) e Ramón de Carranza (19ª). Unha xeira de 10 partidos con 1 soa vitoria (contra o Reus, sen saltar ao campo, posto que o equipo roxinegro fora expulsado do campionato por falta de pagamentos) entre as xornada 25 e 36 sacaron ao equipo mesmo de postos de playoff. Pese ao bo sprint final, con 14 puntos sumados dos 21 en liza nas 7 últimas xornadas, este só bastou para entrar no último posto de playoff. Un posto de playoff que trala derrota fronte ao Extremadura (1-2) na xornada 35 chegou a estar a 4 puntos. O playoff deparou unha semifinal de alta voltaxe fronte ao Málaga, cun partido de ida no que o Dépor encamiñou a súa clasificación grazas a unha memorable segunda parte (4-2). Os branquiazuis, cunha demostración de solidez na Rosaleda (0-1), corroboraron o seu pase á final. Na mesma, a traxedia sobrevoou ABANCA-RIAZOR coa horrible ferida sufrida por Álex Bergantiños por un plantillazo de Marc Pedraza. Con case unha hora contra 10, o Deportivo non foi capaz de poñer a puntilla ao Mallorca, aínda que levou unha boa vantaxe ao choque de volta: 2-0. Con todo, o cadro balear, ao que lle valía o mesmo resultado por finalizar por riba na clasificación da liga regular, arroiou aos branquiazuis. Aínda así, unha clara ocasión de Pablo Marí nos últimos segundos estivo a piques de devolver ao Dépor a Primeira División.
Liga (Segunda División) 6º con 68 puntos (17 v, 17 e, 8 d, 50 gf, 32 gc); Semifinal playoff de ascenso gañada ao Málaga (4-2 en ABANCA-RIAZOR, 0-1 en La Rosaleda), final playoff de ascenso perdida ante o Mallorca (2-0 en ABANCA-RIAZOR, 3-0 en Son Moix)
Copa do Rei Segunda rolda (eliminado polo Zaragoza)