RCD / NOTICIAS

Celebramos en 2016 os nosos 110 anos. Parabéns a todo o deportivismo e grazas polas felicitacións!

02/03/2016 18:30

Neste ano 2016 o RC Deportivo celebra o 110 aniversario da súa fundación. Na ardua procura de todos os elementos que axudarán a reconstruír a súa lonxeva historia e que será compartida co público no seu futuro museo, o RC Deportivo non dispón ata o momento dun documento que certifique que o nacemento do Club tivo lugar o 2 de marzo de 1906, como popularmente se atribúe. De todos os xeitos o Club quere dar os parabéns a todo o deportivismo neste día, agradecendo sobre todo as felicitacións recibidas por diferentes vías, especialmente dos seus seareiros. O RC Deportivo segue indagando profundamente nas súas orixes e por iso quere ser cauto á hora de celebrar as efemérides do Club.

A primeira xunta directiva documentada nos libros de actas do RC Deportivo ten data do 26 de xaneiro de 1907. Son os primeiros partidos, a actividade puramente deportiva, o que nos leva a 1906, co primeiro encontro, ante o Corunna o 8 de decembro de 1906, e os adestramentos previos, nos meses finais do ano.

A constitución formal data de 1907, do 11 de marzo exactamente, día en que o Sr. Gobernador aprobou o Regulamento do Club, asinado dous meses antes, o 9 de xaneiro de 1907, por xogadores e directivos.

Na sede do RC Deportivo atópanse dúas placas, unha realizada a finais dos anos 60 e outra a mediados dos 70, copiando a primeira, coa relación de presidentes da entidade. O primeiro deles é Luís Cornide Quiroga: 2-3-1906 a 28-3-1908. Non existe ningún outro documento, noticia de prensa ou acta de reunión algunha que confirme que o 2 de marzo de 1906 sexa a data de fundación do RC Deportivo. Como anécdota e proba de que foron feitas sobre documentación inexacta, nesas mesmas placas noméase como presidente a Carlos Fernández de Arcos, cando o apelido é Ancos.

A fotografía que ilustra esta noticia é a primeira que existe do Deportivo da Sala Calvet, conservada no Arquivo Histórico Municipal da Coruña, previa a un partido contra o Coruña o 25 de xullo de 1907 da fase clasificatoria do Campionato de Galicia y Asturias.


Sexa o día que sexa, parabéns por ser deportivistas,
 parabéns por 110 anos escribindo a nosa historia
!