RCD / NOTICIAS

O primeiro equipo arranca a pretemporada o próximo xoves 2 de xullo en Abegondo

  O primeiro equipo arrancará a pretemporada o próximo xoves 2 de xullo na cidade deportiva de Abegondo. Os dous primeiros días (xoves 2 e venres 3 de xullo) haberá probas médicas para todos os futbolistas, divididos en dous grupos. Xa todos xuntos, os adestramentos iniciaranse o sábado 4 de xullo, tamén en Abegondo.

04/06/2015 22:15

Até o momento, os futbolistas citados son os seguintes: Lux, Alex Bergantiños, Pablo Insua, Medunjanin, Juan Domínguez, Fabricio, Laure, Luisinho, Lopo, Seoane, Saul e Luis Fernández. 

Concentración en Guitiriz do 6 ao 17 de xullo
 
As instalacións do Hotel Balneario & Golf Club de Guitiriz son as elexidas para levar a cabo a concentración de pretemporada 2015-2016. O balneario da localidade lucense, a media hora de distancia por autovía da Coruña, acollerá o equipo do 6 de xullo ao 17 de xullo.
A plantilla dirixida por Víctor Sánchez del Amo concentrarase eses 11 días en Guitiriz para realizar nas súas instalacións adestramentos diarios así como todas as comidas e o descanso entre sesións. 
 
O Hotel Balneario de Guitiriz está en funcionamento, após o recoñecemento oficial das súas augas en 1902, desde 1908. O seu edificio orixinal, totalmente reformado en 2003, é o mellor exemplo de como combinar tradición e modernidade: consérvase o antigo edificio, mais as instalacións termais son novas, ofrecendo todas as comodidades e amplitude que require un balneario na actualidade. O hotel dispón de 103 cuartos, e alén das súas instalacións interiores (cafetaría, restaurante, comedores, salóns, ...) conta cun bosque de máis de 40 hectáreas e un campo de golf de 9 buracos.