RCD / NOTICIAS

O Real Club Deportivo imporá a insignia de Ouro e Brillantes do Club a Arsenio Iglesias

  O Real Club Deportivo imporá a súa máis alta distinción, a insignia de Ouro e Brillantes, a Arsenio Iglesias Pardo (Arteixo, 24 de decembro de 1930) nun acto que terá lugar no descanso do partido entre o Deportivo e o Real Madrid do próximo sábado en Riazor.

09/05/2016 11:45

Con este recoñecemento, o Real Club Deportivo quere outorgar a súa máis alta distinción ademáis de nomealo Lenda Branquiazul como o adestrador que máis partidos oficiais dirixiu ao Dépor (568) e o técnico que levou ao Club a conquistar o seu primeiro título, a Copa do Rei de 1995. Arsenio estivo un cuarto de século vinculado directamente ao RC Deportivo, como xogador do Fabril e do Juvenil (unha temporada e media), como futbolista do primeiro equipo (146 partidos en cinco temporadas e media, entre 1951 e 1957), como adestrador do Fabril (tres temporadas e media, de 1967 a 1971) e como técnico do primeiro equipo en 14 campañas, 11 delas completas, en diversas etapas, entre 1971 e 1995.
 
Cun total de 714 partidos oficiais co primeiro equipo, como adestrador e como xogador, é o personaxe con maior influencia directa no sucedido no terreo de xogo nos 110 anos de historia do Club.