RCD / #ANOSACANTEIRA / FABRIL / HISTORIA

HISTORIA DO FABRIL

Aínda que asinou o seu primeiro convenio de filiación co RC Deportivo a finais dos anos 40, converteuse oficialmente en conxunto filial en 1964 e desapareceu como Club para integrarse na estrutura do Club branquiazul en 1993, o Fabril é un club centenario, cuxos primeiros partidos se remontan a 1913 e a súa constitución prodúcese o 21 de febreiro de 1914. Foi D. Emilio Fernández, dono dunha fábrica téxtil situada en Catro Camiños, quen dirixiu a formación do Fabril Foot-ball Club, que empregaría como indumentaria camisola azulgrana e pantalón negro.

A partir de 1926, o Club adopta a nova denominación de Sporting Fabril, ao albergar seccións doutras disciplinas deportivas. Após a conclusión da Guerra Civil, o Fabril intégrase na Primeira División de Modestos. En 1941, debido á nova Lei que prohibe os extranxeirismos, volta a mudar de nome: Fabril Sociedade Deportiva.

En 1948 pasa a participar na Serie A Rexional e comeza a disputar os seus encontros no campo de adestramento de Riazor. É nesa época cando os irmáns Vidal Agra (Rafael, Fernando, Manuel e Alfonso), directivos fabrilistas, asinan un convenio de filiación co RC Deportivo, cando este é presidido por Daniel Chaver Gómez. Roberto Manuel Pérez Martínez, directivo do RC Deportivo, pasa nese momento para presidir o Fabril SD.

Na Temporada 1953-1954, proclamouse por primeira vez Campión Galego de Afeccionados, ao vencer ao Turista SC vigués, con Luís Suárez como figura. O Fabril convertíase deste xeito no primeiro equipo herculino en alcanzar ese título. Naquela temporada, así mesmo, logra o seu primeiro ascenso a categoría nacional, a Terceira División, tras ser campión da Serie A Rexional e vencer na promoción de ascenso ao Juvencia asturiano, ao que derrotou por 4-2 na Coruña e 1-2 en Trubia. Compoñen o once fabrilista: Santamarina, Boedo, Piñeiro, Vasco, Barreiro, Porvén, Chines, Naya, Tito, Manolé y Bouza. Co salto de categoría produciuse un cambio na presidencia. A D. Rafael Vacas Rodríguez sucedeulle un antigo xogador do RC Deportivo nos anos trinta, D. José Torres Mourelle, propietario do Bar Astoria. No seu primeiro piso achábase a sede do Club.

A cidade pasaba a ter naqueles momentos dous equipos en Terceira División: Fabril SD e CD Juvenil, aos que o RC Deportivo, ante as penurias económicas polas que atravesaban, instou a fusionarse. Na temporada 1959-1960, o Fabril, ao vencer en Riazor por 0-2 ao Juvenil na penúltima xornada, provocaba o descenso á Serie A Rexional do seu rival local, que xa non voltaría á categoría nacional. Xogou o Fabril, dirixido por Enrique Nieto "Henry", aquel 10 de abril de 1960 con Pita, Blanco, Mantido, Pintos, Tablilla, Chas, Pepiño, Martín, Pan, Carlos Ruiz e Salgado.

Na Temporada 1963-1964, o Fabril acariñou o ascenso a Segunda División. Após ser segundo en Terceira División só superado polo Compostela, superou a Ponferradina na primeira eliminatoria da promoción de ascenso (2-2 en Ponferrada e 2-1 en Riazor) mais caeu nunha durísima segunda rolda ante a Gimnástica de Torrelavega. Despois de gañar os herculinos por 2-1 en Riazor, os cántabros levaron a vitoria polo mesmo resultado no Malecón. Houbo que recorrer a un desempate, disputado no Molinón dous días despois e que tamén concluíu en igualada (2-2). Ao día seguinte, novo partido de desempate, con dramático desenlace. Dous postremeiros goles de Gómez e Alonso deron a volta ao tanto do branquiazul Pito (2-1). O equipo que presentou o técnico Ricardo Badás, no último partido, o 17 de xuño de 1964, estaba composto por Giráldez, Igartua, Manolete, Minador, Bellón, Guitián, Machicha, Pito, Mosquera, Beci e Pellicer.

Foi ao regreso de Xixón, tras aquela dramática derrota, cando o Fabril SD se converteu definitivamente en filial do RC Deportivo. Baixo a presidencia de D. José González Dopeso e sendo máximo mandatario deportivista D. Antonio José González, o Club cambiou a súa denominación a Fabril Deportivo ao se fusionar co moribundo CD Juvenil. Aquela temporada da promoción, por convenio xa adoptara o equipamento branquiazul do RC Deportivo.

Na Temporada 1967-1968, Arsenio Iglesias faise cargo da dirección do equipo, que descende a Rexional ao final da Temporada 1969-1970 após dezaseis campañas consecutivas na categoría de bronce. Debido á reestruturación dos grupos establecíanse nada menos que doce descensos nunha Liga de vinte equipos. O Fabril foi undécimo e caeu a Rexional, pero o paso polo cuarto chanzo sería efémero. Xa con Rodrigo García Vizoso como técnico tras o "ascenso" de Arsenio ao primeiro equipo durante o Nadal de 1970, o Fabril regresaba a Terceira ao derrotar ao Barreda cántabro na promoción. O equipo fabrilista impúxose por 4-0 en Riazor despois de empatar sen goles en Torrelavega no encontro de ida.

O retorno a Terceira tamén foi fugaz. Un ano despois, o Fabril, agora adestrado por Benito Joanet, descendía de novo a Rexional, categoría na que militaría durante cinco temporadas, até que logrou un novo ascenso na campaña 1976-1977 tras proclamarse campión da nova Rexional Preferente. O conxunto dirixido por José López Rodríguez logrou matematicamente o título con tres xornadas de antelación, o 22 de maio de 1977, ao bater en Riazor ao Estradense (3-0), formando con Joaquín, Varela (Agra, min. 78), Lerio, Lito II, Lito I, Rego Rey, Barallobre, José Luis (Álvaro, min. 78), Castro, Juan Carlos e Patiño.

Tras varios cambios na dirección do equipo, en 1978 tomou as rendas do mesmo Luis Rodríguez Vaz. O adestrador ourensán dirixiría durante practicamente unha década o filial deportivista, até que en decembro de 1987 foi chamado a facerse cargo do primeiro equipo do RC Deportivo. Naquel lapso, o Fabril militou sempre en Terceira División e en dúas ocasións os seus xogadores coparon a convocatoria do primeiro equipo, en Segunda División A, debido á folga de futbolistas profesionais. Primeiro, o 11 de abril de 1982, cando o Deportivo se mediu ao Burgos no Plantío co seguinte once completamente fabrilista: Docobo, Chechu, Suso, Paco, Carlos, Portela, Alegre, Ramiro, Eduardo (Losada, min. 70), Alberto e Roberto (Marcos, min. 46). Despois, o 9 de setembro de 1984, cando o Deportivo mediuse ao Tenerife en Riazor con outra aliñación fabrilista: Joaquín, Chechu, Enri, Juanito, Suso, Ramón, Fisquelas, Pozas (Chema, min. 57), Andrés, Castreje (Fachal, min. 87) e Pupi.

Tras un breve paso de Carlos Ballesta e unha nova temporada con Luis Rodríguez Vaz no banco, no verán de 1989 aterraba Francisco Delgado Melo. Na súa primeira temporada no cargo, a 1989-1990, o Fabril alcanzou o subcampeonato de Terceira División, só superado polo Compostela, que ascendeu directamente. Na campaña seguinte, a 1990-1991, o filial deportivista concluía o campionato en cuarta posición, o que lle daba dereito a disputar a recentemente creada liguiña de ascenso. Encadrado nun grupo co Caudal asturiano, o Fuenlabrada madrileño e o Almazán soriano, o equipo fabrilista asinou o primeiro ascenso da súa historia a Segunda División B, selado cun sufrido empate sen goles na súa visita a Mieres na última xornada. O 23 de xuño de 1991, o Fabril ascendeu no Hermanos Antuña formando con Julio Ares, Mariano, Ángel, Tito, Emiliano, Toñito, Juanito, Teté (Damil, min. 72), Busto, Manolo (Domingo, min. 81) y Arturo. A aventura duraría un só curso, mercé á décimo oitava praza alcanzada doce meses despois.

En 1993, o Fabril desaparece e intégrase na estrutura do RC Deportivo, tras o acordo entre o Consello de Administración deportivista e os dez socios do Fabril Deportivo, en cumprimento da nova Lei do Deporte, que obriga aos clubs filiais a se extinguiren e seren asimilados polo club matriz. O Fabril Deportivo pasa a denominarse RC Deportivo B.

Na súa primeira temporada como tal, a 1993-1994, o Deportivo B quedou segundo en Terceira División tras o Bergantiños, mais non superou a fase de ascenso, ao ser terceiro no seu grupo por detrás do Aranjuez madrileño e o Lealtad asturiano e por diante do Bembibre leonés. É no seguinte exercicio, o 1994-1995, no que se produciu o segundo ascenso a Segunda División B. Após ser cuarto na liga, o Deportivo B arroiou na liguiña (catro vitorias e dous empates) o Rayo Majadahonda madrileño, o Caudal asturiano e o Bembibre leonés. Na cuarta xornada, o 18 de xuño de 1995, o Fabril logra matematicamente a primeira praza ao golear o Rayo Majadahonda (4-0) formando con Fran, Lema, Aira, Ricardo, Vilariño (Marcos, min. 76), César, Miguel, Braulio, Cascallar, Viqueira e Javi (David, min. 46). En ambas as campañas, o adestrador do filial branquiazul foi José Manuel Corral.

Arrinca aí a era máis gloriosa do segundo equipo deportivista. Baixo a batuta de Carlos Ballesta e da man de xogadores da talla de Emilio Viqueira, Braulio Vázquez, David Fernández Miramontes, Dani Mallo, Maikel Naujoks ou José Luis Deus, o Deportivo B milita catro campañas consecutivas, entre 1995 e 1999, en Segunda B, disputando en dúas ocasións a liguiña de ascenso a Segunda A e acariñando nunha delas o salto á categoría de prata do fútbol nacional.

Na Temporada 1995-1996, só a diferenza de goles co Atlético de Madrid B impediu ao filial deportivista disputar a liguiña de ascenso, logro alcanzado na campaña 1996-1997 após finalizar a liga na cuarta posición. O equipo herculino chegaba á xornada final dependendo de si mesmo, mais caía en Riazor ante o Córdoba (0-1) e o ascenso a Segunda A celebrábao o Elche, que no outro encontro do grupo vencía o Barakaldo polo mesmo marcador. Formou o Fabril aquel 29 de xuño de 1997 con Dani Mallo, César (Ricardo), Vilariño (Diego), Aira, Miguel, Sanromán, Rubén Coméndez (Cascallar), Viqueira, Maikel, David e Padín. Na campaña 1997-1998, o Deportivo B alcanzou a terceira praza, aínda que o soño de prata ficaba lonxe nesta ocasión. O filial cedeu na promoción ante Recreativo de Huelva, Barakaldo e Espanyol B, ante os que só foi capaz de sumar catro puntos en seis partidos.

O descenso a Terceira chegaba un ano máis tarde, co décimo séptimo posto á conclusión da Temporada 1998-1999. Ballesta deixaba paso a José María Blanco, que na súa primeira campaña devolvía o Fabril á categoría de bronce, tras quedar subcampión de Terceira e superar na liguiña o Coslada madrileño, o Marino de Luanco asturiano e o Béjar salmantino. O salto de categoría consumouse o 18 de xuño de 2000, cun empate (1-1) ante o Marino. O Fabril saltou ao céspede de Riazor con Dani Mallo, Javi, Carlos Aira, Vallina, Carreira, Manuel, Xaco (Carlos, min. 92), Pablo, Fafián, Tito (Seijas, min. 78) e Marcos Suárez (Adolfo, min. 56). O regreso a Segunda B durou unha soa temporada, tras a cal Blanco abandonou a dirección técnica, que pasaba a mans de Tito Ramallo, o máis lonxevo adestrador do filial deportivista, ao que dirixiu durante as seguintes once temporadas.

No transcurso das mesmas, o Fabril disputou cinco fases de ascenso a Segunda B, con dous éxitos, logrados nas campañas 2006-2007 e 2009-2010, aos que hai que sumar dous descensos, nos cursos 2008-2009 e 2010-2011. Entre medias, unha das mellores temporadas do equipo, que alcanzou a fase de ascenso a Segunda A ao final da Temporada 2007-2008. Xa co novo sistema de eliminatorias directas a duplo partido, o Fabril caeu na primeira rolda ante o Écija sevillano, ao vencer por 1-0 en Riazor e perder por 3-0 en terreo andaluz. Formou o Deportivo B no encontro de ida, o 25 de maio de 2008, con Manu, Sergio Benito, Juachi, Juanan, Piscu, Álex Bergantiños, Borja (Chapi, min. 78), Pita, Iván Carril, José Arenas (Nacho Matador, min. 65) e Lassad (Aridane, min. 84). O tanto foi obra de Lassad.

Previamente, o Fabril lograra o ascenso en 2007 despois de se proclamar campión de Terceira e eliminar na promoción o Anguiano rioxano (derrota por 2-1 a domicilio e triunfo por 4-1 en Riazor) e o Don Benito estremeño (vitoria por 0-2 na ida e empate 1-1 en Abegondo). A aliñación do Fabril, naquel empate logrado o 24 de xuño de 2007, foi a composta por Fabricio, Chapi, Juachi, Juanan, Adrián, Álex Bergantiños, Borja (Madrigal, min. 74), Nacho, Rubén Rivera, Iván Pérez (Herbert, min. 49) e José Arenas (Rubén Méndez, min. 88). Tres temporadas máis tarde repetiu éxito: Campión de Terceira e novo equipo de Segunda B ao superar o Burgos nunha eliminatoria decidida na quenda de penaltis (3-0) tras senllos empates sen goles. No encontro de volta, en Riazor, o Deportivo B saltou ao terreo de xogo con Diego Rivas, Seoane, Castillo, Rochela, Raúl García, Héctor, Dani, Chirri (Vela, min. 99), Luis Ángel, Añón (Juan Carlos, min. 67) e Joshua (Hugo García, min. 75).

Após descender á finalización da Temporada 2010-2011, o Deportivo B sempre militou en Terceira. Primeiro, na última temporada de Tito Ramallo no banco. Despois, nas dúas temporadas con José Luis Devesa como adestrador. E desde 2014, baixo a dirección técnica de Manuel Mosquera. Desde entón disputou sen éxito dúas eliminatorias polo ascenso a Segunda B. A primeira, na campaña 2012-2013, na que superou o Cornellá (triunfo por 3-1 en Abegondo e derrota por 2-1 en Cataluña) e o Tuilla (vitoria por 2-0 en casa e derrota por 2-1 en Asturias), antes de caer na final ante El Palo. Despois de gañar en Riazor por 4-2, os fabrilistas sucumbiron (2-0) no encontro de volta disputado en Málaga. A segunda produciuse na Temporada 2014-15. O Fabril eliminou a Cultural de Durango (derrota por 2-1 en Euskadi e vitoria por 2-0 en Abegondo) e quedou na cuneta ante o San Pedro de Alcántara (derrota por 1-0 na localidade malagueña e empate sen goles na Coruña).

Á terceira foi a vencida, e o equipo fabrilista, con Cristóbal Parralo como adestrador, regresou á categoría de bronce tras proclamarse, na Temporada 2016-2017, campión do Grupo I de Terceira División e impoñerse na eliminatoria de campións ao Cacereño (0-0 en Cáceres e 2-0 en Riazor). Para festexar o retorno a Segunda B, o Club recuperou o nome de Fabril de maneira oficial. Desde o 10 de xullo de 2017, a súa denominación é Real Club Deportivo Fabril.

En toda a súa historia, o filial deportivista militou 10 temporadas en Segunda División B (incluída a 2017-2018), por 48 en Terceira División. No seu palmarés figuran un Campionato Galego de Afeccionados (1953-1954), dous títulos da Serie A Rexional de Galicia (1953-54 e 1976-77), catro títulos do Grupo I de Terceira División (2005-2006, 2006-2007, 2009-2010 e 2016-2017) e tres Copas Deputación da Coruña (1994, 1997 e 2001).

ADESTRADORES DESDE QUE O FABRIL CONVERTEUSE EN FILIAL DO RC DEPORTIVO

Temporadas Adestrador
1963-1965 Ricardo Badás
1965-1967 Alfonso Pintos
1967-dec 1970 Arsenio Iglesias
xan 1971-xun 1971 Rodrigo García Vizoso (1 maio 1971, Luis Rodríguez Vaz)
1971-1973 Benito Joanet
ago 1973-out 1973 Carlos Torres
nov 1973-1976 Rodrigo García Vizoso
1976-1978 José López Rodríguez
1978-nov 1981 Luis Rodríguez Vaz
nov 1981-1982 Vicente Cervera
1982-dec 1987 Luis Rodríguez Vaz
dec 1987-xun 1988 Carlos Ballesta
1988-1989 Luis Rodríguez Vaz
1989-1993 Francisco Delgado Melo
1993-1995 José Manuel Corral
1995-1999 Carlos Ballesta
1999-2001 José María Blanco
2001-2012 Tito Ramallo
2012-2014 José Luis Devesa
2014-2016 Manuel Mosquera
2016-hoxe Cristóbal Parralo