RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián López, novo xogador do Deportivo para a Temporada 2017-2018

Adrián López Álvarez (Teverga, Asturias, España, 8 de xaneiro de 1988) convértese de novo en xogador do Real Club Deportivo ao superar o recoñecemento médico realizado esta mañá no Hospital HM Modelo da Coruña. Posteriormente, o dianteiro asturiano asinou a súa vinculación contractual co RC Deportivo, cedido unha temporada polo FC Porto con opción de compra.

Adrián López: "Fixen todo o posible para estar aquí"

O futbolista asturiano, que xa militou no Dépor entre 2006 e 2011, subliñou ante os medios de comunicación estar "contentísimo e feliz de que se solucionou, e de poder estar aquí, con moita ilusión e moitísimas ganas".

Recoñeceu que cando soubo que había "moito interese" do Deportivo por contratarlle, "para min foi moi importante. Teño moi bos recordos, coñezo moita xente, sei que me adaptarei canto antes. Fixen todo o posible para estar aquí, para que se arranxase".

Adrián lembrou que cando chegou por primeira vez ao Club "era xuvenil. Agora xa levo bastantes anos xogando en Primeira. Todos os xogadores temos que ter a nosa responsabilidade para sacar o maior rendemento do equipo e facer a mellor temporada posible".

Espera o atacante asturiano "facer goles, poder dar goles. A xente que xogamos máis arriba temos esa responsabilidade. E logo o traballo é o máis importante. Un equipo traballador sempre consegue os seus froitos".

Tras estar esta pretemporada adestrando á marxe da disciplina do FC Porto, apunta que "o importante é estar rápido co equipo, traballar ben".