RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor de Mel suma e segue grazas a un penalti na prolongación (1-1)

O Deportivo salvou, ante un Betis que se adiantou cun gol de rebote, un punto no tempo engadido, grazas a un penalti transformado por Celso Borges, para manterse invicto con Pepe Mel no banco e para afastarse a cinco puntos da zona de descenso.

O adestrador deportivista realizou un só troco con respecto ao equipo que gañou o pasado domingo no Molinón. Fernando Navarro saíu do once titular para dar entrada a Carles Gil, co que Luisinho, que actuou de extremo ante o Sporting, atrasou a súa posición para ocupar o lateral esquerdo.

O Deportivo non puido facerse coa pelota ante un Betis cos laterais moi adiantados e cun mediocampo moi poboado.

No minuto 11 produciuse o primeiro disparo a porta. Adán golpeou en longo, Sanabria gañou o salto a Arribas, Dani Ceballos buscou en profundidade a Brasanac e o centrocampista serbio rematou por baixo. Germán Lux atrapou o coiro con seguridade.

O primeiro lanzamento do Dépor chegou aos 18 minutos, despois dunha longa xogada de ataque iniciada nun saque de esquina. O balón acabou caendo a pés de Alejandro Arribas, cuxo remate marchouse moi por encima do traveseiro.

Ata o minuto 36 non houbo achegamentos a ningunha portería. Co Dépor un pouco máis dominador, producíronse senllos disparos consecutivos, ambos desviados, obra de Juanfran e Borges.

No minuto 43, os branquiazuis topáronse coa madeira. Unha recuperación de Carles Gil en campo contrario conduciuna Emre Çolak cara á área rival, onde o turco atopou a Florin Andone. O romanés cambiou de ritmo, centrou atrás desde a liña de fondo e no seu intento de despexe, Aissa Mandi estrelou a pelota contra o pau dereito da portería de Antonio Adán.

Xa no minuto 45, Juanfran probouno coa esquerda de lonxe. Aínda que centrado, o seu disparo ía con tanta forza que Adán só puido pór a súa luva esquerda para desviar a pelota a saque de esquina.

A segunda parte comezou máis equilibrada que a primeira. Non foi ata o minuto 56 cando se produciu a primeira acción de verdadeiro perigo. Emre Çolak, desde moi lonxe e moi escorado cara á dereita do ataque coruñés, enganchou un tremendo zurdazo que Adán desviou a córner de auténtico milagre.

No minuto 70, o Betis adiantouse no marcador. Foi á saída dun novo saque de esquina, despexado en curto pola zaga deportivista, que recolleu Cristián Piccini. O italiano disparou mal coa esquerda, pero o esférico rebotou en Borges e o lanzamento envelenouse, descolocando a Lux e entrando após rebotar no interior do pau dereito do portal deportivista.

Sete minutos despois, Dani Ceballos desperdiciou a posibilidade de sentenciar o encontro, após unha brillante triangulación ao bordo da área co brasileiro Petros. O canteirán bético quedou só ante Lux pero cruzou en exceso o seu remate buscando o segundo pau.

A piques de chegar o minuto 80, Joselu probouno nun acrobático remate de costas a portería que Adán detivo en dous tempos. Pouco despois, o propio Joselu enganchou de volea un envío larguísimo de Pedro Mosquera que superou a Alin Tosca. O tiro do '7' branquiazul foise ás nubes.

No minuto 89, Florin Andone rematou de socato un centro de Juanfran desde a dereita, que non entrou por milímetros.

Xa no segundo minuto de desconto, o colexiado sinalou penalti por unha cotobelada de Germán Pezzella a Celso Borges cando se dispuña a rematar un centro de Emre Çolak. O propio centrocampista costarriqueño encargouse de transformar a pena máxima, por baixo e polo centro, con Adán vencéndose cara á súa esquerda. Foi o seu sexto tanto no que vai de campionato.

Non houbo tempo para moito máis e con este empate, o Deportivo sitúase, xa a igualdade de partidos disputados con todos os seus rivais directos, con 24 puntos, 5 por riba do Granada, equipo que marca as posicións de descenso.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei (Albentosa, min. 67), Luisinho, Borges, Pedro Mosquera, Fayçal Fajr (Joselu, min. 74), Emre Çolak, Carles Gil (Ola John, min. 80) e Andone.

Real Betis: Adán, Piccini, Mandi, Pezzella, Tosca, Durmisi, Brasanac (Rafa Navarro, min. 86), Donk (Petros, min. 62), Rubén Pardo (Álex Martínez, min. 82), Dani Ceballos e Sanabria.

Goles: 0-1 Piccini (min. 70); 1-1 Borges, de penalti (min. 90+3).

Árbitro: Álvarez Izquierdo (c. catalán). Cartón amarelo a Carles Gil (min. 21), Andone (min. 33), Donk (min. 35), Rubén Pardo (min. 40), Dani Ceballos (min. 52), Pedro Mosquera (min. 86), Adán (min. 90), Pezzella (min. 90+1), Mandi (min. 90+2), Albentosa (min. 90+4) e Álex Martínez (min. 90+5).

Incidencias: partido correspondente á 21ª xornada de LaLiga Santander, aprazado no seu día debido ao temporal que azoutaba A Coruña, disputado no Estadio de Riazor ante 21.589 espectadores.