RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor déixase outros 3 puntos no Villamarín

O Dépor segue sen coñecer a vitoria nesta Temporada 2017-2018 tras caer novamente derrotado, neste caso por primeira vez a domicilio, ante o Betis no Benito Villamarín.

Para o partido fronte aos hispalenses, Pepe Mel realizou cinco cambios con respecto ao choque contra a Real Sociedade. Tytoń deixou o seu sitio baixo os paus a Pantilimon, Arribas ocupou o centro da defensa en lugar do descartado Sidnei, Navarro pechou a defensa pola esquerda no lugar de Luisinho, mentres que Borges regresou ao dobre pivote no posto do lesionado Mosquera e Bakkali completou as sustitucións en lugar de Bruno Gama.

Nos primeiros intercambios o Dépor buscou o fútbol directo buscando a carreira de Andone mentres que os locais trataban de elaborar máis as súas aproximacións. Esa tendencia inicial foi finalmente a tónica xeral do partido. Tello, tras recibir de Guardado, disparou cruzado no minuto 8 no primeiro tiro do encontro, tras algún balón colgado á área de Pantilimon.

A piques de cumprirse o primeiro cuarto de hora marcou o Betis nunha chegada pola dereita, con centro do exdeportivista Barragán que rematou picado Sergio León. O rexeite de Pantilimon quedou na cabeza de Joaquín que, na liña de gol, só tivo que empuxar para anotar o primeiro dos béticos.

O disparo inicial do Dépor chegou no minuto 20 cun tiro de Guilherme moi afastado ás mans de Adán. Foi o preámbulo do empate branquiazul. Tras unha espectacular volea de Celso Borges ao traveseiro, o rexeite na frontal quedou nos pés de Fede Cartabia. O arxentino buscou o espazo e acomodouno para disparar desde fóra da área, cruzando o xusto para que non a alcanzase Adán e pór as táboas no marcador.

O gol supuxo para o Dépor un cambio de situación no partido, chegando con máis facilidade á zona de perigo local, cun remate alto de Adrián ou unha xogada persoal de Andone non sinalada como falta na lateral da área de Adán. O Betis tamén dispuxo das súas oportunidades por mediación de Durmisi, Tello e especialmente cun remate de Guardado xusto antes de chegar ao descanso, que puxo punto final a unha discreta primeira parte.

Á continuación o Betis entrou enchufado cun remate de cabeza de Sergio León despexado a córner por Pantilimon e un penalti sinalado por Undiano Mallenco e posteriormente rectificado a instancias do seu asistente despois de que Durmisi finxise falta de Guilherme no interior da área.

O primeiro remate do Dépor no segundo tempo tardou 10 minutos en chegar cun cabezazo desviado de Adrián, instantes despois do primeiro cambio branquiazul, a entrada de Fede Valverde por Guilherme. O segundo, un tiro ás mans de Adán de Fede Cartabia tras recibir un pase en profundidade do propio Adrián. A mesma xogada, pero á contra e con pase desde o centro e remate raso, repetiuse, con ambos os xogadores e idéntico final, tres minutos despois.

Mentres o Betis continuaba chegando á zona de castigo do Dépor pero sen acertar no último pase ou nos remates. Nun partido sen ocasións claras e chegadas de ambos os equipos á área rival, o Betis desequilibrou a balanza cun gran contragolpe. Tras recuperar un balón, Andrés Guardado conduciu un contraataque que el mesmo converteu nunha asistencia cun pase entre liñas que un rapidísimo Joaquín rematou ao fondo da portaría do Dépor.

Con esa xogada o Betis sentenciou o partido aínda que o Dépor tentouno ata o final, tras a entrada de Lucas nos últimos 10 minutos de encontro. Un centro cruzado do de Monelos e o posterior remate de Adrián á saída do córner foron as chegadas máis claras dos branquiazuis en busca dunhas táboas que nunca chegaron.

O resultado e o partido deixan ao Dépor en postos de descenso tras 4 xornadas de LaLiga disputadas con 1 punto e 6 aínda en xogo nesta semana. Os 3 próximos, os 3 primeiros que tratarán de conseguir os de Mel, o mércores ás 21:00 horas en ABANCA-RIAZOR ante o Deportivo Alavés.

Real Betis: Adán, Barragán, Mandi, Feddal, Durmisi, Narváez (Camarasa, min. 51), Javi García, Guardado, Joaquín (Boudebouz, min. 82), Sergio León e Tello (Sanabria, min. 73)

RC Deportivo: Pantilimon, Juanfran, Arribas, Schär, Navarro, Guilherme (Fede Valverde, min. 54), Borges, Cartabia (Lucas, min. 77), Bakkali (Luisinho, min. 70), Adrián e Andone

Goles: 1-0 Joaquín (min.14); 1-1 Fede Cartabia (min. 23), 2-1 Joaquín (min. 76)

Árbitro: Undiano Mallenco (c. Navarro). Amoestou a Guilherme (min. 27), Durmisi (min. 49), Navarro (min. 59), Luisinho (min. 78), Adán (min. 94)

Incidencias: partido da 4ª xornada de LaLiga Santander disputado no Benito Villamarín ante 46.174 espectadores.