RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor tutea ao Atlético na estrea de Pepe Mel (1-1)

Un intenso Deportivo, na estrea de Pepe Mel no banco branquiazul, tuteou ata o último minuto ao Atlético de Madrid, que foi capaz de sacar un punto de Riazor grazas a un disparo lonxano de Antoine Griezmann, nun partido ao que lle sobraron os minutos finais tras o terrible choque de Fernando Torres con Álex Bergantiños.

O novo adestrador branquiazul, Pepe Mel, cambiou á metade do equipo que saíu de inicio na derrota da pasada fin de semana en Leganés. Dous cambios foron obrigados. O sancionado Raúl Albentosa foi substituído por Alejandro Arribas. O lesionado Guilherme deixou paso ao recuperado Celso Borges. Ademais, producíronse outras tres novidades: Luisinho entrou por Fernando Navarro, Fayçal Fajr por Carles Gil e Florin Andone por Joselu.

Reclamaba Mel aos seus xogadores que presionasen máis arriba un saque de porta do Atlético. O novo técnico deportivista facíao con razón. O saque defectuoso do porteiro Jan Oblak pillou desprevido a José María Giménez, ao que lle roubou a carteira Andone. O romanés, no man a man ante o meta esloveno, non perdoou, colocando o coiro na cepa do pau dereito da portería visitante. Foi o oitavo gol da temporada para o máximo anotador branquiazul.

Corría o minuto 13 e era o primeiro achegamento a calquera das dúas porterías tras un primeiro terzo do período inicial de longas posesións e escasa profundidade por parte de ambos os conxuntos. O Deportivo convertía en gol a súa primeira ocasión, algo do que adoecera durante todo o que vai de tempada.

Foi un golpe duro para o Atlético, aloulado ante un Deportivo ordenado e serio, capaz de esconder do balón e de cambiar o ritmo en tres cuartos.

Os branquiazuis achegáronse en dúas ocasións nos seguintes minutos. Primeiro, nun disparo lonxano de Juanfran que se marchou alto, no minuto 23, e despois cando tras un roubo en campo contrario de Pedro Mosquera, o mediocentro buscou en profundidade cara á dereita a Gaël Kakuta que, con todo, nin centrou nin disparou. O coiro perdeuse pola liña de fondo cando o reloxo estaba a piques de alcanzar a media hora.

Pouco despois, o Atlético gozou da súa mellor ocasión en todo o primeiro tempo. Thomas Partey recuperou na medular, meteu un balón interior para Ángel Correa e o arxentino, tras desfacerse de Juanfran e Arribas cun contrapié, rematou duro por baixo. Os reflexos de Germán Lux evitaron o empate.

Reaccionou velozmente o Dépor, no minuto 36, cun contragolpe levado entre Emre Çolak, Kakuta e Andone. Centrou o turco e Celso Borges, chegando desde segunda liña, cabeceou alto.

A piques de cumprirse o tempo regulamentario, Mosquera cazou un balón á saída dun córner, no segundo pau. A volea do coruñés rexeitouna Oblak como puido. Xa no desconto, o Atlético volveu achegarse aos dominios de Lux. Luisinho tivo que frear a Kevin Gameiro cando se asomaba á área. A falta botouna Koke, en curto para Gabi, cuxo disparo se marchou por encima do traveseiro.

A segunda metade comezou sen cambios en ningún dos dous onces e camiñou durante o seu primeiro cuarto de hora sen achegamentos de perigo. Cando se cumpría a hora de xogo, o Atlético gozou dun libre directo a só dous metros do bordo da área. Antoine Griezmann estrelou o esférico na barreira, máis exactamente no rostro de Borges.

No minuto 68, Filipe Luís estampou un disparo lejanísimo no pau esquerdo do portal deportivista. Na continuación da xogada, o balón caeu a Griezmann, que triangulou con Yannick Carrasco a 30 metros do marco de Lux e empalmou un disparo ao primeiro toque que superou por alto ao gardameta deportivista.

Dous minutos despois, Andone, chegando desde atrás completamente só ao bordo da área pequena, non puido conectar a súa cabezada a un perfecto centro desde a dereita de Fayçal Fajr.

No minuto 73, Emre Çolak recolleu un centro de Luisinho no segundo pau. Case sen ángulo, o turco rematou cara á portería, topándose coa defensa colchoneira. Case sen respiro, Fayçal Fajr rematou por riba do traveseiro unha falta lateral que o otomán lle serviu por baixo.

Co Atlético apertando, no minuto 80, Lux rexeitou con reflexos felinos un potente remate de socato de Fernando Torres.

Riazor enmudeceu no tramo final do partido, cando un choque entre Álex Bergantiños e precisamente Fernando Torres deixou ao dianteiro colchoneiro tendido no céspede, completamente inconsciente. Despois de ser reanimado sobre o mesmo terreo de xogo, tivo que ser evacuado en ambulancia desde o mismísimo verde de Riazor.

O colexiado marcou sete minutos de tempo engadido que probablemente sobraron, porque nin un nin outro equipo pareceron querer seguir xogando despois de ver como se marchaba o seu compañeiro.

Con este empate, o Deportivo volve sumar despois de catro derrotas consecutivas e sitúase con 20 puntos, por riba da zona de descenso que ocupan Selecta, Sporting de Xixón e Osasuna.

RC Deportivo: Lux, Juanfran, Arribas, Sidnei, Luisinho (Laure, min. 82), Borges, Pedro Mosquera, Fayçal Fajr, Emre Çolak (Álex Bergantiños, min. 76), Kakuta (Fernando Navarro, min. 54) e Andone.

Atlético de Madrid: Oblak, Vrsaljko, Giménez, Godín, Filipe Luís, Thomas, Gabi, Koke (Nico Gaitán, min. 57), Correa (Carrasco, min. 57), Gameiro (Fernando Torres, min. 65) e Griezmann.

Goles: 1-0 Andone (min. 13); 1-1 Griezmann (min. 68).

Árbitro: Clos Gómez (c. aragonés). Cartón amarelo a Andone (min. 14), Luisinho (min. 45), Godín (min. 74) e Álex Bergantiños (min. 89).

Incidencias: partido correspondente á 25ª jornada de LaLiga Santander disputado no Estadio de Riazor ante 20.138 espectadores.