RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo leva o Teresa Herrera ás súas vitrinas por 21ª vez (2-0)

O Deportivo conquistou a LXXII edición do Trofeo Teresa Herrera, decano dos torneos amigables a nivel mundial, tras bater por 2-0 a un correúdo West Bromwich Albion na súa posta de longo ante a afección branquiazul esta pretemporada.

Bruno Gama e Borja Vale, ambos nos últimos vinte minutos de encontro, deron ao Deportivo o 'seu' trofeo por 21ª vez e cuarta consecutiva.

No Dépor produciuse o debut no Estadio ABANCA-RIAZOR de varios xogadores, como o belga Zakaria Bakkali e o suízo Fabian Schär, ademais do regreso do arxentino Fede Cartabia.

O conxunto inglés, que participaba por segunda vez no Teresa Herrera tras a súa experiencia en 1979, viaxou sen varios titulares habituais, Chris Brunt, Gareth McAuley, James Morrison e Nacer Chadli, lesionados. Ademais, a última hora deixou no banco a outro deles, o capitán Jonny Evans.

Cando ía cumprirse o minuto 5, Fede Cartabia protagonizou a primeira ocasión do partido. Luisinho desbordou polo extremo esquerdo, centrou raso para a chegada de Bakkali, o control do belga fóiselle longo e quedou a pés do arxentino, que conectou un zurdazo raso que se marchou á dereita do portal de Ben Foster.

Ao cuarto de hora, repetiu lanzamento o extremo cedido a pasada temporada ao Sporting Braga. Esta vez foi desde máis lonxe, máis frouxo e con menos perigo. O balón atrapouno comodamente o gardameta inglés. Máis complicado foi para Foster atrapar, xusto cando se cumpría o minuto 20, un zurdazo afastado de Pedro Mosquera que buscaba o vértice superior dereito.

No tramo final da primeira parte, o West Bromwich Albion quedou con dez xogadores. Jake Livermore viu o segundo cartón amarelo por reaccionar con dureza a unha falta cometida por Pedro Mosquera, infracción que lle custou a amoestación ao capitán coruñés.

No minuto 42, Florin Andone conectou, moi forzado, unha volea no punto de penalti a centro de Emre Çolak. O romanés non puido dirixir ben o coiro, que se perdeu mansamente á dereita do portal de Foster.

Tras o descanso, Tony Pulis, técnico do conxunto inglés, introduciu catro cambios, entre eles dous novos valores de 17 (Rekeem Harper) e 18 anos (Dara O'Shea). O Deportivo comezou a dominar con maior intensidade e a achegarse aos dominios de Boaz Myhill con maior claridade.

No minuto 52, novamente Fede Cartabia tivo o gol nas súas botas, tras unha deixada de Bakkali no interior da área. O duro remate do arxentino rexeitouno como puido o porteiro galés do WBA.

Cinco minutos despois, o uruguaio Fede Valverde efectuou o seu debut no Estadio ABANCA-RIAZOR, substituíndo a Pedro Mosquera.

Noutro achegamento deportivista, no minuto 66, Florin Andone rematou alto coa súa bota esquerda un servizo desde ese mesmo extremo por parte de Bruno Gama.

Foi precisamente o portugués, máximo goleador deportivista nesta pretemporada, quen abriu a lata inglesa. No minuto 71, Bruno Gama ampliou a súa conta estival batendo a Myhill cun bonito remate ao primeiro toque coa súa perna dereita, a centro de Juanfran.

Xa cando o partido daba as súas últimas rabexadas, Borja Valle ampliou diferenzas. O berciano cabeceou no segundo pau un centro de Bruno Gama que rozou o porteiro visitante, tras un córner botado en curto.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Schär, Sidnei, Luisinho (Fernando Navarro, min. 81), Guilherme (Borja Valle, min. 70), Pedro Mosquera (Fede Valverde, min. 57), Bakkali (Edu Expósito, min. 75), Emre Çolak (Borges, min. 63), Fede Cartabia (Bruno Gama, min. 63) e Andone.

West Bromwich Albion: Foster (Myhill, min. 46), Wilson, Dawson (O'Shea, min. 46), Hegazi, Nyom (Roberts, min. 67), Phillips (Leko, min. 59), Yacob (Field, min. 62), Livermore, McClean, Rodríguez (Harper, min. 46) e Rondón (Robson-Kanu, min. 46).

Goles: 1-0 Bruno Gama (min. 71); 2-0 Borja Vale (min. 86).

Árbitro: Álvarez Izquierdo (colexio catalán). Expulsou por dobre amoestación a Livermore (min. 40). Cartón amarelo a Pedro Mosquera, Sidnei e Juanfran, do Deportivo; e Dawson, Nyom, Harper e McClean, do WBA.

Incidencias: final do LXXII Trofeo Teresa Herrera, disputada no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 13.197 espectadores. Zakaria Bakkali foi elixido polos medios acreditados o Xogador Estrella Galicia do torneo.