RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O FC Porto amorna a pretemporada do Dépor (4-0)

FC Porto e Deportivo reeditaron esta tarde a semifinal da Liga de Campións do ano 2004. Naquela ocasión houbo empate sen goles nun partido pechado, entre dous inesperados aspirantes ao título daquela sorprendente Champions League.

Trece anos despois, as cousas cambiaron no Estadio do Dragão. O cadro portugués, apoiado nunha fervorosa afección, mantén o seu esplendor, aínda que destronado en Portugal a temporada pasada polo Benfica.

O Dépor, sen os recursos do seu rival a todos os niveis, pelexa pola consolidación en Primeira.

A maiores, o FC Porto inicia a liga o 9 de agosto. Está pois o conxunto luso na recta final da súa preparación.

O cadro deportivista, co Real Madrid agardando o día 20, atópase no ecuador da súa preparación, e co cadro por pechar.

Con estas premisas, o FC Porto, que se presentaba ante os seus seareiros, saíu ao partido como un vendaval. Cunha marcha física máis, a presión foi asfixiante á saída de balón do Dépor. Aboubakar puxo por diante ao seu equipo ao cuarto de hora, nunha xogada con ata tres remates sobre a meta de Rubén.

Por diante no marcador, os portugueses deron un respiro e permitiron algunha oportunidade aos branquiazuis. Ao descanso chegouse co segundo gol, obra de Aboubakar, que poñía o partido xa costa arriba para os branquiazuis.

Na segunda metade, o FC Porto ampliou diferenzas cun terceiro gol no tramo inicial, nun encontro que a partir de aí entrou nun carrusel de cambios. Entón o Dépor manexouse mellor, aínda que a distancia era xa insalvable. O cuarto tanto portugués foi un accidente.

Primeira derrota estival do Dépor, que entraba nos plans de calquera equipo das dimensións do equipo coruñés.

FC Porto: Casillas (José Sá, min. 59), Ricardo Pereira (Hernâni, min. 63), Felipe (Reyes, min. 59), Marcano, Alex Telles (Layún, min. 59), Corona (Maxi Pereira, min. 59), Danilo Pereira (Sérgio Oliveira, min. 71), Óliver Torres (Otávio, min. 59), Brahimi (Herrera, min. 59), Soares (João Teixeira, min. 71) (Rafa, min. 90) e Aboubakar (Marega, min. 63).

Deportivo: Rubén, Juanfran (Borja Valle, min. 77), Albentosa (Schär, min. 28), Sidnei (Arribas, min. 77), Luisinho (Fernando Navarro, min. 62), Bruno Gama (Fede Cartabia, min. 62), Pedro Mosquera (Edu Expósito, min. 62), Fede Valverde (Emre Çolak, min. 62), Guilherme (Róber, min. 85), Bakkali (Bicho, min. 77) e Andone (Gerard Valentín, min. 66)

Goles: 1-0, min. 13: Aboubakar; 2-0, min. 42: Aboubakar; 3-0, min. 54: Corona; 4-0, min. 86: Marega.

Árbitro: Favio Verissimo (primeiro tempo) e Jorge Sousa (segunda metade).