RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Reto para o Dépor ABANCA, xa con Peke, mañá en ABANCA-RIAZOR ante o Atlético de Madrid

O Deportivo ABANCA afronta mañá domingo (16:15 horas, GOL) un dos retos maiúsculos da Primera Iberdrola, coa visita do Atlético de Madrid a ABANCA-RIAZOR. Manu Sánchez explicou na rolda de prensa previa que "agora mesmo estamos nunha situación na que non temos rivais fáciles nin difíciles. Temos unha frase sempre para cada convocatoria e parte da frase desta semana é esta. Temos que afrontar os partidos buscando sumar, buscando gañar. Despois dun refacho como a que levamos non nos podemos preocupar se o que temos en fronte vai ser duro ou difícil. Cometeriamos un erro de medir as nosas forzas en virtude do rival. E non estamos nesa situación".

O conxunto deportivista recibiu esta semana o reforzo de Peke. A pichichi branquiazul perdeuse os últimos encontros de liga debido a un proceso vírico que a mantivo afastada mesmo dos adestramentos.

Por contra, a mala noticia é a baixa, ademais de Kenni, de Michelle Romero. A ambas as futbolistas referiuse Manu Sánchez ante os medios de comunicación: "Kenni por fin esta semana incorporouse ao traballo do grupo. Só puido gozar dun adestramento completo, o de hoxe, que é pre-partido. Parece que as sensacións son boas e vai poder entrar na dinámica de grupo en diante. E esta semana perdemos a Michelle, que no partido ante a UD Levante, nesa acción uno para un caeu Aldana encima do seu xeonllo e ten unha escordadura leve. Non parece moi importante pero por agora non pode estar a disposición do equipo".

Completa a convocatoria para este encontro correspondente á 9ª xornada ligueira a canteirá Eva Dios, habitual xa nas últimas citacións do Deportivo ABANCA.

Concluído o encontro ante o Atlético de Madrid en ABANCA-RIAZOR, Manu Sánchez citou de novo as súas futbolistas para adestrar o luns 23 de novembro ás 17:30 en Abegondo.