RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content

Chamamento a os siareiros Deportivistas na web dos Riazor-Blues

Dende os foros da páxina web da peña Riazor-Blues fan un chamamento á afición do Deportivo de cara ó partido do vindeiro domingo

A través desta mensaxe do usuario "FirmRCD" colgado nos foros dos Riazor-Blues:

Facia moitos anos que non nos atopabamos nesta situación. Os máis novos nunca viran ao Depor nos postos actuais e os máis vellos case nin se acordan xa, ainda que esta fora unha situación normal se botaramo-la vista cara atrás uns cantos anos.

Unha vez chegado o momento non nos queda outra que uni-las nosas forzas e tirar cara adiante para intentar leva-lo equipo a unha zona un pouco máis tranquila. As circunstancias podían ser peores, pero vese que os xogadores polo de agora están poñendo da súa parte e non están manchando a nosa camiseta, nin arrastrando o noso escudo polos campos adiante.

É o momento de deixarse de bobadas e apoiar a morte ao Depor. É hora de avisa-lo colega, ao veciño ou ao compañeiro de traballo; a eses que só veñen de cando en vez ao estadio, e comentarlles que o equipo tamén existe cando as cousas van mal e que precisa o apoio da cidade. Que non só hai que estar aí para celebracións, que isto é tan importante como unha semifinal de Copa ou de Champions e que imos ter moitos partidos deste calibre ata o final da tempada e precisámo-la axuda de todos. Esta mensaxe vai para os menos fieis.

Despois temos á xente que acode cada 15 días a Riazor... Nunha situación así non podedes chegar ao estadio ás 17:05, saca-la vosa mantiña, o voso coxin, o paquete de pipas e ale, que corran os 90 minutos. Adoitades presumir da vosa condición de Deportivistas, pero vos falta sangue á hora de animar ás vosas cores. De feito se non fora por eses mozos do fondo de Maraton, Riazor seria unha tumba partido si e partido tamén. Estamos lonxe de moitas afeccións nas que tódalas bancadas apoian ao seu equipo. Nestes momentos delicados non podes sentar na túa butaca e listo. Na túa memoria seguro que atopas tardes de gloria con Riazor a reventar, coa bancada volcada co equipo e unha cidade fachendosa del... Vas limitarte a ver coma o teu equipo afunde lentamente na táboa sen levanta-la voz? Sen recordarlle a esa camiseta branquiazul que ten o teu apoio, e que sempre estiveches aí detrás, vendo pasar polos teus fuciños a historia do club? É momento de que te poñas de pé desde o primeiro minuto e sexas coma un xogador máis defendendo as túas cores dende a bancada. Non agardes a que isto non teña solución. Hai que atacar dende xa mesmo e para iso precisámo-la axuda de cada un de vós, que espertedes dese eterno letargo no que estades. Agora o Depor está nunha situación delicada, e precisa que tanto fora coma dentro do campo mostrede-lo voso apoio incondicional e que non vos quededes aí sentados vendo como aquel soño e ilusión que empezou fai ao redor de 15 anos desapareza de súpeto sen que ti, coma coruñes e deportivista de pro, fagas nada para intentar solucionalo.

Chegou o noso turno. Que vos imos dicir a vós que non saibades ou que non fixeramos en todo este tempo. Logo de 20 anos seguindo ao Deportivo vivimos de todo. Ata vivimos os nosos soños... Si, iso que se adoita dicir que é un soño e polo tanto case imposible de acadar, pero que resulta que a unha serie de mozos coruñeses que empezaron isto alá polo 87, chegáronselles a cumprir. Nalgún momento houbo alguén que nos espertou levándonos de golpe á crúa realidade. Pero como a ilusión e as ganas moven montañas volvimos quedarnos durmidos, esta vez sen que ninguén nos espertase de golpe. De feito levamos soñando moitos anos. Soñando que o Depor volve a estar outra vez ahi arriba, onde merece estar.

Agora alguén quere espertarnos dunha forma máis brusca, pero estámolo vendo chegar e prepararémonos para iso. Para derrotar ao equipo antes terán que pasar por riba de nós e coloca-la bandeira do seu triunfo na Torre de Marathon, esa torre que nos cobre as costas partido tras partido. Non o terán fácil. Para iso precisamos que todos nos mentalicemos da situación que estamos a pasar e que nos deamos conta de que o Depor agradecerá ata a mais pequena mostra de ánimo.

Non debemos permitir volver a ve-lo nome do noso glorioso equipo nos derradeiros postos da clasificación. Cada un de nós ten que dar todo o seu apoio e recordarlle ao colega do seu carón que se estamos aquí é para algo, non para pasa-los 90 minutos de pé sen inmutarse e só abri-la boca para cantar gol. Da igual que vaiamos perdendo, empatando ou gañando. Temos que ser fortes e non ceder nin un só instante, e como di a canción: “e se caemos, caemos con honra”, coa cabeza alta e apoiando a nosa camiseta. Non a deixaremos soa nestes malos momentos, nin deixaremos que ninguén se burle dela.

Se ao equipo fáltalle gol, nós podemos darllo, rematar ese balón que esta a piques de entrar, porque por moito que digan algúns, a presión da afección é molesta para o rival, pero o que é mais importante, motiva aos nosos e os contaxia coa nosa ilusión e as nosas ganas.

Seguramente o Domingo Riazor non presentará unha das súas mellores entradas, pero os que alí estaremos marcarémo-lo gol que o noso equipo precisa. Daremos unha mostra de fidelidade ás nosas cores e atoparémo-lo camiño que nos leve de novo cara ao triunfo.

A pelota témola nós, empezamos sacando e non somos 11, somos miles de persoas co corazón en Branco e Azul. Forza Depor hostia!!!

Sempre Co Depor... So Unha Forza... Sempre en Loita.
Riazor * Blues.