
Pregón del Presidente para la ''Festa do Carme dos Pincheiros'' en Barbanza.
El presidente deportivista, Augusto César Lendoiro, se convirtió la pasada noche, en el pregonero de la "Festa do Carme dos Pincheiros" en la localidad barbanzana de A Pobra do Caramiñal.El encargado de dar el pistoletazo de salida a los festejos, ante la
Ilustrísimo Sr. Alcalde e amigo
Comisión de Festas
Amigas e amigos da Pobra do Caramiñal
Amigas e amigos que aquí nunca sodes forasteiros
Aínda que non son eu un pregoeiro ao estilo do que demandan as festas do noso tempo para estar aquí no balcón do Consistorio, teño que agradecer ao Alcalde e amigo, á Comisión de Festas, e moi especialmente a vós, que tendes a paciencia de escoitarme agora, este xesto de convidarme a anunciar unha das grandes festas populares de Galicia, Festa do Carme dos Pincheiros da Pobra do Caramiñal.
Quero dicir que para estar aquí, agora con vós, mellor que o Presidente do Real Club Deportivo da Coruña, sería máis propio para pregoar as festas, outra figura máis televisiva, desas do mundo da música ou do humor, máis propicias aos medios de comunicación e á curiosidade. Pero sabemos que sodes leais ás nosas cousas, que queredes homenaxear nos mellores días, os de festa, a aquelo que se quere. E sabemos perfectamente que sodes incondicionais do fútbol, dese deporte, tan do noso tempo, que nun estadio une e pon a proba tantas sensibilidades, ideoloxías, nacións...
Así, pois, coa vosa incomparable lealdade sabedes o que significa e debe significar no futuro o Real Clube Deportivo da Coruña e o deportivismo en toda a ría de Arousa e moi especialmente nesta vila, que sabe conciliar a tradición, a súa fonda historia coa modernidade. E desexamos que este Clube que tanto deu siga dando máis aínda, que siga sendo exemplo nun mundo de tan difíciles retos e contricantes. Que sigamos tuteando aos máis grandes, que desaparezan os complexos de inferioridade para saber que podemos vencer á árrogancia dos tidos como intocables. Moito temos que aprender aínda do mundo do deporte, dese ambente que refrexa os mesmos desafios que presenta hoxe a vida: de despachos, dos vestiarios, de adestramentos, de seleccións dos mellores, de xustizas e inxustizas, de rumores e verdades, de trunfos e derrotas, de solidaridade e insolidaridade, de negacións e lealdade... para valorar e puntuar únicamente os goles.
Sabemos que nun equipo vértense e póñense en xogo moitas ilusións, algo grande e solidario que non debe defraudarse e para esto estamos aquí, na Pobra do Caramiñal, para coller forza entre vós e contribuir á festa nun tempo significativo. Un Clube como o Deportivo quere facer honra a súa Historia de cen anos: un clube ilusionado, constante, aberto, bandeira de todos, capaz de levar polo mundo, coa maior dignidade, o nome da Coruña e de Galiza. Entre difíciles retos quixéramos seguir ilusionando a moitos galegos e galegas, de dentro e de fora, os que noutrora tiveron que coller a maleta e deixar tras de si a familia, a casa e o que máis querían, a Terra da que son e sempre levamos dentro.
Quixéramos ilusionar a esas leais e curtidas xentes do mar, as que pasan meses navegando por todos os mares do mundo e nas poucas horas de lecer buscan sintonía para saber como anda o xogo deste noso e sempre voso Deportivo. Moitas gracias a todos eles, a todos vós, que sodes parte deste ambiente. Desexamos para eses mariñeiros, nestas festas, a mellor lembranza, tamén para aqueles que xa non poden estar aquí, por ter xa cumplido coa vida, aos que sempre nun pregrón e na casa temos que lembrar en tempo de festa, tal como obrigan as sacrosantas tradicións festivas galegas. A Virxe do Carme -de tanta devoción entre as xentes do mar de Galicia e moi especial entre "os pincheiros" da Pobra, a Nai do celebrado Nazareno- a que agora honramos e festexamos aquí, sabemos que protexerá aos que foron onte e aos que seguimos sendo hoxe.
Pola vosa compresión, por toda esa lealdade, quero representar aquí o grande amor e respecto do deportivismo a estas terras de Arousa, á Pobra do Caramiñal, onde sempre un desexaría estar con máis vagar para compartir amizade, tertulia e mesa cos amigos. Non faltará por estes alegres paseos a música popular das gaitas, as grandes orquestras, o encontro entre os que veñen e os que están, como fórmula para fortalecer o grupo, esta gran tribu de xentes acollidas na Ría de Arousa. Fidalga e antiga vila, amparada polo picudo e solemne monte da Curota, que se ergue ao ceo e se ofrece a todo visitante para saber das rías galegas, onde a terra abraza ao mar mirando a horizontes que son sempre camiños abertos.
Pero non poderemos deixar correr este pregón sen contar as excelencias do lugar, da paisaxe e da paisanaxe, dun antes cheo de historias que se perden na lonxanía do pasado. A Pobra foi i é codiciado porto e vila, amparada pola mitra compostelana.
Queremos tamén cantar o hoxe e renovar as mellores ansias de futuro. A Pobra do Dean e o Caramiñal uníronse dando lección solidaria para acadar este futuro no que hoxe nos movemos. Quixera ensalzar aquí -e eso é un pregón- a festa tradicional, ese legado solidario, recurso turístico que move as mellores galas, luz, música, cor, xente e ánimos. Festas -vello e gran legado tradicional de Galicia- que tanto significan para un pobo traballador que se mostra e se ofrece a todos cos seus mellores adornos de lucería, pirotécnica, música, gastronomía... valores ancestrais que as peñas da mocidade deben mellorar lonxe da agresividade: as festas son para todas as idades... ollo pois cos xerenguinazos de auga desmedidos... Sabemos que a Pobra sabe equilibrar sabiamente tradicións con innovacións.
Non é momento para extenderme en todas esas virtudes tan cantadas por escritores e artistas que caracterizaron a estas terras, os que fixeron posible un pobo fermoso nacido a carón dun porto, do mar e para o mar. Pois velaiquí esta festa que honra e homenaxea o traballo das xentes do pincho, as que máis saben da pesca da pescada, "os pincheiros". Lugar e tempo para lembrar a persoalidade inmensa, escuálida e barbada, de don Ramón María del Valle Inclán, o que nas Torrres de Bermudez é sabiamente homenaxeado cun Museo exemplar. Espacio que expresa esas ansias de traballo ben feito, lealdade e memoria que caracterizan estas terras. Sabemos que o espíritu do xenial escritor Arousán está entre nós, vaga como un cabalo bravo do Barbanza, como unha gaivota, ou como o ventiño mareiro, sobre estas casas, estes pazos que refrexan a fidalguía e o pasado, sobre estes seus montes, areais e mar que temos encomendados para transmitir ao futuro.
Desexo a todos cantos estades aquí, vellos ben andados, xente nova e nenos que sodes futuro, que celebredes a festa con respecto ás tradicións, pois quen sabe celebrar a vida con respecto aos demáis, tamén sabe traballar e crear futuro. A festa é un acougo de lecer para coller forza, revitalizar a casa e os amigos... e logo voltar aos duros camiños da vida nos que gañar o pan e o futuro. Cousas das que os pobrenses poden dar leccións. Non temos máis que pasear por estas exemplares rúas para ollar as ansias traballadoras que abren portas en negocios, no porto, na lonxa, nese escaparate que mostra as riquezas do mar, camiño dos mellores restaurantes... na Praza de Abastos, nas conserveiras, nos comercios grandes e pequenos, en cada obreiro e mariñeiro...
Que esta sexa festa para todos, para os que están, para os que veñen, para os que curiosean e se fagan parte de nós. Pois poucas vilas hai tan gasalleiras e solidarias como a Pobra, aberta a todos os mares a todos os camiños... sabedora de emigración a todas partes. A festa quere ser un convite a celebrar a vida e a amizade, a brindar pola solidariedade e pola paz no mundo.
Sirva pois este encontro, de cada terceiro fin de semana do estival agosto, para acoller Nela todas as virtudes de ben, para celebrar á patroeira, Nosa Señora do Carme, imaxe que recorre en procesión e bendice as rúas da Pobra, homenaxe festivo das xentes traballadoras que andan polos mares do mundo, representadas nos pincheiros.
Sirvan tamén as festas para reivindicar o valor da paisaxe e da paisanaxe: do mar e da terra farta, destes nosos e variados montes, obra do traballo e do amor dos nosos pais, que debemos defender como patrimonio e vida, fronte á ameaza dos incendios, os que este ano encenden conciencias para educar e previr constantemente destas amenazas que queren destruir unha terra e unha historia ancestral.
Remato pois, desexando que non falte a confianza en vós, na terra, nos santos da vosa protección, como o Carme. Que non falte nas vosas casas unha mesa ben servida, cos productos solprendentes da terra, rodeados do amor dos familiares e dos amigos; mesa onde haxa unha copa de bo viño da Terra para brindar por ese futuro que construimos e planificamos hoxe, con ledicia, esperanza, ilusión e sensibilidade. E que este noso e sempre voso Deportivo da Coruña, sexa capaz de representar, entre os grandes do futbol e do deporte, a estas terras da Barbanza e da Pobra.
Moitas gracias, Sr. Alcalde, Comisión de Festas, amigas e amigos. Con todo o meu agarimo desexo que disfrutedes da vida e veledes por esa grandeza
de VIVIR E FACELO SOLIDARIAMENTE.
Quero deixarvos con un
VIVAN OS PINCHEIROS DA POBRA
VIVA TAMÉN A SÚA PADROEIRA A VIRXE DO CARME
E VIVA - TRES E MAIS VECES - A POBRA DO CARAMIÑAL.
Augusto César Lendoiro
Presidente do Real Clube Deportivo da Coruña


