RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Anos 60

Image

O EQUIPO ASCENSOR

Non foi até a Temporada 1961-1962, a cuarta consecutiva en Segunda, cando o Dépor conseguiu o ascenso a Primeira. Con todo, no exercicio seguinte, a pesar dun comezo fulgurante en que se adxudicou o Teresa Herrera tras derrotar o Benfica, campión de Europa só catro meses antes, voltouse a Segunda.

A partir de aí comezou a etapa do "equipo ascensor", baixando de categoría un ano e ascendendo ao seguinte. O ascensor detívose na Temporada 1968-1969, cando conseguiu manterse dous exercicios consecutivos na División de Honra. En xullo de 1969, o presidente Antonio González nomeou xerente ao coñecido xornalista deportivo Manuel Fernández Trigo "Mafertri" e ao fin da campaña 1969-1970, de novo caeu a Segunda, despois dunha inesperada vitoria do Elche, rival directo pola permanencia, sobre o Barcelona na última xornada.

A comezos desta década produciuse a irrupción dun dos mellores xogadores da historia do Club, Amancio Amaro, autor de 25 goles na campaña do ascenso de 1962 antes de ser traspasado ao Real Madrid a cambio de 12 millóns de pesetas, tres xogadores en propiedade e un cedido. Aquela foi unha das operacións máis custosas da época no fútbol español.

Tamén sobresaen Veloso, Jaime Blanco, Manolete ou Pellicer. Todos eles procedentes dunha canteira coruñesa rica en calidade, mais condicionada pola pobre economía do Club, que non os podía reter ante o interese e acoso dos equipos economicamente máis poderosos. Este sempre foi un hándicap que condicionou a historia do Club e limitou o seu teito deportivo.