RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: “Hai que traballar desde a máxima tranquilidade, dar a máxima confianza, saber que ningún golpe é definitivo”

Óscar Cano manifestou este mediodía na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que aprecia "unha diferenza enorme e abismal entre o que o Club e #ANOSAFORZA é e a categoría que ocupa agora mesmo. Iso aumenta moito máis a tensión, os nervios, a frustración, a presión en definitiva".

Cre que "non podemos entrar nunha dinámica que faga que esa tensión nos penalice ou sexa patolóxico. Hai unha tensión que hai que comprender, que é normal, que é dado no mundo do fútbol e aquí está multiplicado polo tipo de club que somos e polo obxectivo que temos pero non pode acabar afectándonos porque senón tamén introducimos a nosa mente en algo que que non é real, que é pensar que cada partido é unha final. E sobre todo porque hai que traballar desde a máxima tranquilidade, dar a máxima confianza, saber que ningún golpe é definitivo nin a favor nin en contra, hai que relativizalo todo, como non pode ser doutra maneira nisto do fútbol, porque cando acaba un partido o que temos é a certeza de que vai haber outro aos seis ou sete días. Nós temos, como xestores de todos eses estados de ánimo que se congregan nun vestiario, que dar a máxima tranquilidade para poder traballar da mellor maneira posible. Aquí temos que dar estabilidade, esixencia para que todo vaia a bo porto".

O adestrador deportivista sostén que"o que temos fronte a nós é un partido fóra de ABANCA-RIAZOR, nun gran escenario, ante un equipo que tamén partía co mesmo obxectivo que nós", en alusión ao Córdoba CF, rival este domingo 30 de abril ás 20:00 horas no Nuevo Arcángel (InSports.tv).

Lembra que o conxunto andaluz "durante toda a primeira volta, durante moitísimas xornadas foi o líder do campionato e está tamén ante a súa última oportunidade de poder facer play off porque o tempo se acurta e se queremos conseguir os obxectivos evidentemente hai que afrontar este tipo de partidos como o que son, transcendentais".

Insiste en que "durante a primeira volta fixeron un fútbol excepcional, unha cantidade de puntos extraordinaria e viron que era posible non só facer play off senón ser campión a final de temporada. O fútbol é imprevisible e cambia dun día para outro; e despois dunha mala dinámica que ten que ver cunha baixada de rendemento e tamén con situacións nas que en moitos partidos os seus resultados non foron xustos xérase un ambiente máis enrarecido pero tamén hai a conciencia social dos seus seguidores de que están ante os seus últimos seis partidos e gran parte das posibilidades que teñen de facer playoff teñen que ver con gañar estes dous partidos, o do domingo e o do mércores contra dous rivais (Deportivo e Racing de Ferrol) que nos estamos xogando moitísimo tamén".

Coa chegada do ex deportivista Manuel Mosquera ao banco do Nuevo Arcángel, "é un equipo moito máis vertical, moito máis directo, que trata de gañar e de conquistar espazos no teu campo á maior prontitude, que cando non pode ocupar as túas costas vai por fóra moi ben con xente moi perigosa, que ademais de ter man a man ten bos envíos á área; pero cando realiza os cambios ou cando xa entraron outro tipo de xogadores como Javi Flores, como De las Cuevas, como Simo e cando quitou un dianteiro verticalizaouse moito menos o fútbol. Nese sentido poden aparecer as dúas versións".

Do conxunto andaluz resalta a Kike Márquez, "un xogador cunha gran experiencia, cunha gran calidade, que ten moitos rexistros: é capaz de xogar de costas a portería, non o podes deixar virar porque ten un golpeo extraordinario, xoga, fai xogar... Estamos a falar dun gran xogador pero non podemos centrar a atención só nun xogador por que mal iriamos se tivésemos ese gasto atencional tan esaxerado só sobre unha persoa. Eu creo que o Córdoba CF ten moitísimos argumentos, ten grandes atacantes, ten xente por fóra que che pode esnaquizar e ademais de maneira distinta porque Simo faio con habilidade, con axilidade; e Carracedo faio con forza, é moi parecido a Carlos Vicente; despois ten xogadores desde atrás que tamén se suman ao ataque con perigo, grandes defensores, xogadores que a viviron xa de todas as cores. É un equipo moi completo".

Sobre os resultados lonxe da Coruña, Óscar Cano advirte que "houbo circunstancias relacionadas co fútbol, co xogo, con nosas propias decisións empezando polas miñas que se cadra fixeron que non rendamos da mellor maneira fóra de ABANCA-RIAZOR. Hai tamén unha serie de partidos onde puidemos pornos por diante e non quero que isto soe a escusa pero é a realidade; e outros partidos onde estando a igualdade presente quedámonos tamén en inferioridade numérica. Pasaron moitas cousas como para dicir que só foi un aspecto o que nos privou de poder gañar fóra de casa con maior asiduidade".

Admite iso si que "non encaixamos os golpes da mesma maneira que en ABANCA-RIAZOR. Aquí tamén houbo equipos que nolo puxeron moi difícil e fomos capaces de resistir; incluso o día do Fuenlabrada pornos con dous mazazos o marcador en contra nun partido que para min era moi importante porque viñamos de perder fóra. E con todo a xente tivo esa tranquilidade que se cadra fóra de casa faltounos. Ten que chegar ese día e que mellor escenario, que mellor partido e que mellor momento que en Córdoba".

Conclúe que "temos moitos condicionantes en contra cando imos de visitantes pero xamais lles dixen aos meus xogadores algo distinto en relación á ambición cando imos visitar a un equipo ou cando xogamos en ABANCA-RIAZOR. O discurso meu é o mesmo porque xa me dei conta ao primeiro revés que un empate aquí estresa moito máis o ambiente. Iso fai que nós non podamos conformarnos e esa ambición sempre existiu. Nós non expomos os partidos de maneira distinta en casa que fóra".