RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano pide "tranquilidade porque quedan 5 partidos e estamos preparados para calquera cousa"

Óscar Cano manifestou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "hai que manter a calma neste vaivén de emocións, de resultados, de achegarte, de afastarte, de manter a distancia... Os que temos que dar a cara no vestiario e fóra do, temos que estar tranquilos".

Cre que o partido desta tarde ante a AD Ceuta FC "é moi parecido ao que nos espera, un carrusel de emocións. Cando parece que todo está igualado, rompemos a igualdade. Despois tiramos dúas veces ao pau para poder pornos por diante, pór terra polo medio e gañar con folgura. Nos minutos finais sofres ante un equipo que levaba 14 xornadas sen perder. Un equipo que leva 14 xornadas sen perder, con independencia de como se chame, é porque ten un gran adestrador e sobre todo grandes futbolistas. Estou moi satisfeito por todo o que ocorreu a fin de semana; e a seguir remando porque non queda outra. Tranquilidade porque quedan 5 partidos e estamos preparados para calquera cousa".

Desvela que no descanso "máis que correccións a nivel táctico acougámolos un pouco, que baixen un pouco as revolucións, que a maior número de revolucións e a maior ruído (entre xogadores, con #ANOSAFORZA que protesta o que considera inxusto) nós temos que manter a calma, baixar o ritmo ao partido e facer as cousas a través do fútbol, non das protestas. A verdade é que aquí hai xogadores con moitos minutos ás súas costas, con moitas situacións parecidas ás de hoxe, e a resposta foi extraordinaria".

Neste tramo final de liga, advirte o adestrador deportivista que "é moi difícil todo. Fixádevos a fin de semana como foi. Enfrontáronse Alcorcón e Linares e empataron; Real Madrid Castilla foi derrotado por Unionistas de forma severa... É moi complicada a competición. Cando todo o mundo está a xogarse conseguir ou non conseguir os seus obxectivos todo o mundo é igualmente perigoso".

Lamentouse da baixa Lucas o vindeiro domingo en Córdoba ao ver hoxe o seu quinto cartón amarelo (por primeira vez en toda a súa carreira o coruñés cumprirá un castigo por ciclo de cartóns): "É unha pena perdelo pero temos que saber sobrevivir sen el como o fixemos antes de que el chegase".

Finalmente, Óscar Cano felicitou "ao Fabril, a Óscar Gilsanz, ao seu corpo técnico, aos mozos por conseguir un ascenso que nunca é fácil aínda que te chames Deportivo. Ese paso que había que dar a nivel de categoría para que o filial estivese en Segunda Federación conseguiuse. Alégrome moitísimo por eles".

Pola súa banda, José Juan Romeu, adestrador da AD Ceuta FC, márchase de ABANCA-RIAZOR coa sensación de que "podiamos levarnos un mellor resultado. Esta derrota faime estar moito máis orgulloso dos meus futbolistas que algún que outro empate que conseguimos fóra de casa nos últimos tempos. O equipo creceu moitísimo, demostrou que pode xogar en calquera escenario, tratamos de ti a ti ao Dépor, que me parece un equipo absolutamente fantástico".