RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Rubén de la Barrera ve o partido de Pontevedra como "o primeiro partido de playoff"

Rubén de la Barrera subliñou esta mañá na sala de prensa que mañá sábado 27 de maio en Pasarón ante o Pontevedra CF (19:30, TVG-2, G24.gal e InSports.tv) "está en xogo a posibilidade de ser terceiro, o pensar no playoff, a primeira eliminatoria a volta en ABANCA-RIAZOR".

Pero ademais, "para min hai algo máis importante que todo iso e é recuperar ese espírito gañador que este Club e este equipo ten que ter. Por tanto, máis aló do que haxa en xogo mañá, sexa a opción de alcanzar o terceiro lugar, hai algo que supera aínda máis ese reto; e é o feito de construír mentalidade gañadora e de ser un equipo gañador. E iso á súa vez vainos a preparar da mellor maneira posible para o seguinte".

Neste sentido, advirte que "o equipo ten que estar preparado a todos os niveis para merecer un resultado. Non temos que esperar a que ocorra algo que nos favoreza fóra de ABANCA-RIAZOR para crernos o que somos. Este é un bo equipo, formado por boísimos xogadores e ten que ir alí mañá coa mentalidade adecuada e coas cousas súper claras para ser mellor que o Pontevedra CF e gañar o partido".

O adestrador deportivista recalca que "o partido de mañá é para demostrar de novo fame, ganas, ir alí e competir, facer o partido que nós queremos facer, que non é máis que ser protagonistas, atacar, evitar contraataques, evitar situacións de balón parado deles e prepararnos da mellor maneira para o seguinte. E para afrontar o seguinte, o que temos que facer é competir, facelo ben e gañar mañá".

Ten claro que Pasarón "é o primeiro partido de playoff. É a realidade en termos de preparación porque á fin e ao cabo aquí non houbo pretemporada. Pero se queremos distinguir momentos, a semana pasada foron 3 días, esta semana puidemos andar en máis cousas e mañá temos un partido para poder levar a cabo cousas que xa fixemos o día do Algeciras CF e cousas que loxicamente pretendemos reproducir alí e futuros partidos. Máis que nada é mentalidade, é competir, é deixar portería a cero, é xerar o maior número de ocasións de gol, limitar as do rival e gañar, non hai máis".

Asegurou que haberá "cero riscos" cos 3 futbolistas que teñen 4 cartóns amarelos, os cales se perderían o primeiro partido do playoff se fosen amoestados mañá: Mario Soriano, Lapeña e Kuki Zalazar.

Non é así no caso de Quiles, que "ten alta médica, ten alta deportiva e vai poder participar. Ademais é un xogador moi importante e minutos alí vai ter seguro, veremos se de inicio, se conforme vaia sucedendo o partido..."

Do Pontevedra CF, Rubén de la Barrera indicou que "é un equipo que se atrevía a facer cousas, ten certa mobilidade ademais intelixente que pode levar algún desaxuste defensivo do rival de quenda. Nese aspecto temos claro o que queremos facer alí sen balón, con balón; facerlles dano e impedirlles o xogo que pretenden facer sobre todo nun día como mañá, no que deportivamente falando teñen unha clasificación determinada pero está o tema de Charles e de que seguro que queren acabar a temporada coas mellores sensacións posibles. Entón obríganos aínda máis. Estamos preto do bonito, do relevante; e o partido de mañá hai que aproveitalo si ou si".

Do mesmo xeito que onte Lucas Pérez, hoxe desexou o adestrador coruñés que equipos galegos como o Pontevedra e o Racing de Ferrol "estean en pouco tempo en categorías profesionais; e se pode ser en Primeira División, mellor que mellor. Iso sería boísimo para o fútbol galego e esta comunidade merece a máxima representación no fútbol de máis alto nivel".