O Fabril rescatou un punto (1-1) nun accidentado partido ante a UD Ourense en Abegondo, correspondente á 27ª xornada en Terceira RFEF.
Ademais dun bo cadro que lles fai estar a pelexar por un posto nos play off de ascenso, os ourensáns contan cunha das inchadas máis ruidosas da categoría, que se fixeron notar na Cidade Deportiva branquiazul con bombos, trompetas... Todo iso grazas a un centenar de afeccionados chegados desde Ourense.
Puido adiantarse o filial deportivista nun claro penalti cometido sobre Rubén aos 18 minutos de partido, pero o lanzamento da pena máxima de Martín Ochoa detívoo o meta visitante.
A xogada ademais supuxo a lesión de Rubén, que se viu obrigado a saír do terreo de xogo pouco despois.
O partido aínda deparou máis malas noticias para o bando fabrilista, posto que Marc, pasada a media hora de xogo, foi expulsado ao ver dúas cartolinas amarelas en apenas 4 minutos.
Neste tramo inicial, o lateral deportivista levou moito perigo nun remate de cabeza ao segundo pau a centro de Mella e nun potente disparo que se foi fóra por pouco.
Esporeado pola súa ruidosa afección, e cun xogador máis, a UD Ourense fíxose co dominio territorial e obrigou ao Fabril a dar un paso atrás.
No entanto, as forzas igualaríanse coa expulsión por dobre amarela do ourensanista Alberto Novoa, ao fío do descanso.
Após o paso polos vestiarios, novo golpe para o Fabril. Jony adianta ao UD Ourense ao rematar libre de marca un centro pasado ao segundo pau.
O Fabril lanzouse a por o empate con Mella á fronte das operacións. Súas foron as principais ocasións e o gol da igualada, de tiro cruzado nun contragolpe fabrilista no minuto 80, ao cabo definitivo.
Con este marcador e a falta de 3 partidos para o final, o equipo de Óscar Gilsanz suma 54 puntos á fronte da táboa por 52 do Arosa SC, o seu inmediato perseguidor. Por detrás vén o Rápido de Bouzas, 3º con 47 puntos.
Fabril: Hugo Ríos, Marc, Puerto, Dani Barcia, Iano Simao, Brais Val, Rubén, Jairo, Mella, Diego Gómez e Martín Ochoa. Tamén xogaron: Barba, Davo, Nájera e Iñaki.
O vindeiro domingo 9 de abril ás 18:00, o Fabril visita ao UD Somozas.
Os resultados do Fabril en liga até a data son os seguintes:
UD Paiosaco 0 - Fabril 1 (Diego Gómez)
Fabril 1 (Dani Barcia) - Alondras CF 1
Fabril 2 (Jairo e Diego Gómez) - Arosa SC 1
CD Estradense 2 - Fabril 2 (Nájera -2-)
Fabril 4 (Nájera -2- e Martín Ochoa -2-) - CSD Arzúa 0
Rápido de Bouzas 0 - Fabril 0
Fabril 6 (Nájera -2-, Martín Ochoa -3- e Iván) - Viveiro CF 0
Gran Peña FC 1 - Fabril 2 (Martín Ochoa -2-)
Fabril 3 (Nájera, Diego Gómez e Marc Lachèvre) - Silva SD 2
Atlético Arteixo 1 - Fabril 2 (Martín Ochoa e Dani Barcia)
Fabril 3 (Martín Ochoa, Diego Gómez e Iván) - CD Choco 1
UD Ourense 2 - Fabril 2 (Martín Ochoa e Iano Simão)
Fabril 0 - UD Somozas 1
Racing Villalbés 0 - Fabril 0
Fabril 4 (Nájera, Iano Simao, Martín Ochoa e Diego Gómez) - CD Barco 1
Fabril 2 (Jesús Ares e Diego Gómez) - UD Paiosaco 0
Alondras CF 1 - Fabril 0
Arosa SC 0 - Fabril 0
Fabril 3 (Martín Ochoa, Dani Barcia e Iván) - CD Estradense 0
CSD Arzúa 0 - Fabril 1 (Martín Ochoa)
Fabril 0 - Rápido de Bouzas 0
Viveiro CF 1 - Fabril 1 (Martín Ochoa)
Fabril 2 (Martín Ochoa e Iano Simão) - Gran Peña FC 1
Silva SD 1 - Fabril 0
Fabril 1 (Davo) - Atlético Arteixo 0
CD Choco 0 - Fabril 1 (Jesús Ares)
Fabril 1 (Mella) - UD Ourense 1
