RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
PORTADA

As Nosas pasan unha divertida mañá na praia de Sabón (Arteixo)

Irene Ferreras, adestradora do Deportivo ABANCA, aproveita calquera semana de parón na Primeira Federación Iberdrola para sacar ás súas xogadoras da Cidade Deportiva, cambiar a rutina e desconectar da tensión dunha competición igualada desde a primeira xornada, con varios aspirantes ao ascenso directo e outros tantos aos postos de play off de ascenso.

En anteriores semanas sen liga houbo actividade en Karting Marineda nunha ocasión; almorzo en San Brandán Lunch de Fnac e posterior xogo en The Rombo Code da Grela noutra; e hoxe, aproveitando a chegada da primavera, as agradables temperaturas e o sol, As Nosas divertíronse a escasos quilómetros da Cidade Deportiva, na praia de Sabón (Arteixo), xogando ao voley e ao fútbol na area por xentileza de Amarelle Academy, que cedeu o seu material deportivo.

Outra xornada que serviu para recargar baterías antes do tramo decisivo que concluíu ademais cun refresco para xogadoras, persoal técnico e auxiliar.

Mañá xoves, o Dépor ABANCA porá o punto e final á semana cun último adestramento ás 10:00 en Abegondo.

A próxima cita para o cadro deportivista en liga é o domingo 16 de abril ás 12:00 pola Cidade Deportiva Andrés Iniesta coa visita ao CD Alba Fundación, en partido correspondente á 26ª xornada.