RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Diego Villares: "Se ascendes a final de temporada a todos válenos sexa dun xeito ou doutro"

Nada máis sentar na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR esta mesma mañá, Diego Villares quixo en primeiro lugar "desexarlle moitísima sorte ao Dépor ABANCA para o partido esta fin de semana (en Logroño ante o DUX) e esperemos que tamén poidan conseguir ese obxectivo".

O centrocampista galego subliñou que o playoff, no caso de que o equipo teña que xogalo, "é unha forma igual de válida que se ascendes directo. É verdade que tes eses partidos extra para xogar que son un pouquiño máis finais, pero se ascendes a final de temporada a todos válenos sexa dun xeito ou doutro".

Admite que o ascenso directo "complicouse un pouco máis do esperado. Pero mentres sexa posible temos que loitar até o final. Con 3 equipos por diante é moi difícil. Se non iremos ao playoff con todas as ganas e ilusión do mundo de poder logralo aí".

Ante a visita ao Linares Deportivo este domingo 14 de maio ás 12:00 (InSports.tv), Villares recoñece que "fóra de ABANCA-RIAZOR daba igual que fose un equipo de arriba, que de media táboa, que un equipo de abaixo, custounos sacar os partidos. E agora nun campo como este tamén é un partido difícil contra un equipo que se está xogando entrar neses postos de playoff. Non nolo vai a poñer nada fácil".

De feito, espera no Municipal de Linarejos "un partido moi competido. Aínda encima eles están en moi boa dinámica, na súa casa é un equipo forte".

Coa dúbida da presenza esta fin de semana de Antoñito, que está estes días con adestramento personalizado, Diego Villares, que a pasada fin de semana durante o partido ante o AD Alcorcón substituíu ao andaluz no carril dereito, indica sobre isto que "che toca un pouquiño axudar. Aí tamén está Trilli, Pepe, que tamén pode pode xogar aí... Ao que nos toque xogar, facelo o mellor posible para axudar ao equipo".

En caso de ser el o elixido, "eu encantado. Si que é verdade que non é a miña posición, pero onde poida axudar eu, contento"; aínda que entende as críticas de #ANOSAFORZA porque "tamén terá ganas de ver a Trilli".