RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras advirte que "queda un camiño duro para conseguir estar en Primeira, pero coa serenidade de seguir crendo no que fixemos"

Irene Ferreras manifestou esta mañá na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR que "o noso obxectivo claro agora mesmo é tentar conseguir posto de play off. Imos ver se ao final temos opcións para algo máis pero agora este é o noso obxectivo: estar preparadas sabendo que queda aínda un camiño duro para tentar conseguir o que todos desexamos, que é estar en Primeira División pero coa serenidade e a tranquilidade de seguir crendo no que fixemos desde o primeiro momento".

Confía "moito no traballo que se está facendo. Estamos a perfilar unha boa identidade como equipo pero ás veces chega a competición con todos eses alicientes e as circunstancias que che van sucedendo ás veces non permiten mostrar todo aquilo que ti es como equipo. Iso é o deporte. Se só dámos unha visión analítica á situación evidentemente o método tenche que levar a un resultados pero non funciona así".

Apunta que "en principio nos marcamos o obxectivo de merecer ascender, de tentar estar aí até o último momento. É verdade que a traxectoria destes últimos partidos non foi a mellor pero tamén a competición fala de que para o resto tampouco. Non temos que pecar de soberbia e se non soubemos sacar mellores resultados, tamén entender que os rivais son moi competitivos, que estamos aí a falta de tres partidos e que agora mesmo o que teño que facer é estar ilusionada e optimista; porque se me dis que con tres partidos teño as opcións de asinar un playoff, queriámolo todos ao principio de temporada".

A adestradora madrileña avoga por "tentar ir soltando o lastre de que pasa o último día e de que somos hoxe. Imos conectar con todas as cousas boas que temos, imos xuntarnos como equipo, imos volver a tentar conectar con esa emocionalidade positiva que nos dea ese puntiño máis en en certos momentos do partido e non deixar de crer.  Esa é a liña de quen se dedica a isto. Máis aló de traxectorias e de resultados agora pésate todo o que hai en xogo e temos que tentar enfocar ese 'todo o que hai en xogo' como unha parte moi boa, moi positiva e moi bonita que ten o deporte".

Admitiu que a derrota ante o Real Oviedo o pasado domingo en Abegondo supuxo "un golpe porque falaba en rolda de prensa antes do partido que era importante non dar por feito contas que aínda non sucederan; pero o fútbol ten estas cousas e vai seguir pasando sempre. A historia do fútbol sempre se repite e ás veces en partidos que a priori non podes fallar, pois fallas".

Desvela que "a nivel anímico foi duro. Pasamos un domingo e un luns complicado pero este traballo vai diso, de remontar sensacións; de utilizar as cousas que pasaron para tentar transformarte, crecer; de sacar esa capacidade resiliente do equipo; e mirar ao seguinte partido porque o que si é importante é que non esteamos a cargar co pasado para vivir o presente". 

A máxima responsable técnica das Nosas mostrouse "contenta porque xa a metade de semana vin outro ambiente, un pouquiño máis de alegría nas futbolistas: e creo que chegamos en boas condicións para competir ben. Estou segura de que ao final estamos a que fagamos ese bo partido, que poidamos traer un resultado que nos dea ánimo e a continuar o noso camiño até o final".

Na súa opinión, e despois de tres partidos nos que o Dépor ABANCA púxose en contra no marcador cun 2-0 ou 0-2, "ten pouca relación o que pasou o outro día (ante o Real Oviedo) co que pasou anteriormente. Non creo que a nivel defensivo o equipo estea peor. A conclusión que saco o outro día é que entramos mal ao partido. Ás veces o nerviosismo lévache a unha marcha máis e ás veces lévache a un bloqueo. Neste caso levounos a estar un pouco apáticas nos primeiros minutos, recibimos o gol, outra vez lembrar o que pasara en partidos anteriores, ver que che toca outra vez remar e iso a nivel de enerxía é duro velo xornada tras xornada".

Indica que ante as asturianas "non tivemos a soltura e a frescura mental que tivemos nas anteriores xornadas para tentar darlle a volta ao marcador. A partir de aí traballamos como facemos sempre, con serenidade, con tranquilidade, non sacando conclusións que son ventaxistas en función do resultado senón tentando construír un equipo mellor en cada faceta do xogo. Imos tentar entrar mellor ao partido, non pornos en contra desa maneira axiña que ou tan contundente, competir e vivir os momentos do partido como se vaia dando".

Do Rayo Vallecano, rival este domingo 30 de abril ás 11:00 no campo 4 da Cidade Deportiva Fundación Rayo Vallecano, avisa que "imos xogar  contra un rival con moito oficio. É un equipo que parte da base que é difícil facerlle gol porque defende ben, é férreo, concede moi pouquiño e vén dunha dinámica anímica boa porque se non gaña moito tampouco perde. Teñen un obxectivo que é a permanencia, levan moitas semanas sen perder e van nunha boa dinámica".

Así pois, pide "coidar todos os detalles, entrar moi concentradas nun moi intenso en cada duelo. Tentar atopar momentos onde teñamos balón, que o partido non se volva tolo e  coidar tamén esa parte do intra fútbol, ser intelixentes e poder xestionar ben as situacións porque entendo que vai ser un encontro onde o campo, a bancada vai apertar, onde probablemente non atopemos demasiado ritmo, onde haxa interrupcións e temos que ter esa madurez para non saírnos do partido e para saber que en cada pequena acción poden estar os 3 puntos".