Mario Soriano asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que ao playoff "chegamos ben. Estamos todos moi confiados de que se pode lograr o ascenso, pero ten que empezar por esta fin de semana contra o CD Castellón en ABANCA-RIAZOR. En casa somos moi fortes, queremos demostralo e ir con vantaxe a Castalia. Durante toda a temporada fóra de casa complicóusenos un pouco máis, pero temos que esquecernos o que pasou durante a temporada, pensar no presente, nesta fin de semana".
Así pois, pide nesta fase final "esquecernos de todo o que pasou durante a temporada, das cousas malas e boas tamén; e centrarnos nesta semana no partido contra o CD Castellón. Se botas a mente cara atrás e empezas a falar do que pasou, de que se gañásemos este partido ou o outro, ou se fixese isto ou o que sexa inflúe para mal. Temos que esquecernos, pensar nesta fin de semana e no adestramento de hoxe para preparar o partido da mellor maneira posible".
Insiste tamén en "esquecernos do que pasou o ano pasado, que foi moi duro. Este ano é diferente o playoff, a dous partidos, tes un pouco máis marxe de erro porque son 180 minutos. Os detalles van marcar a eliminatoria. Hai que saber e controlar ese aspecto e sobre todo que non vai ser como un partido de liga. Seguramente os dous equipos buscaremos non provocar erros. Nós temos que pensar en xogar e en facelo o mellor posible".
No entanto, ao atacante branquiazul este playoff lémbralle o do ano pasado "por todo o apoio de #ANOSAFORZA. Queren apoiarnos para lograr esa vitoria. Hoxe seguramente se esgoten todas as entradas e seguramente fagan o recibimento como o ano pasado".
Admite que inflúe que non vallan dobre os goles fóra de casa nestas eliminatorias: "Agora que se quitou todo iguálase, podes ir máis no teu campo ao ataque, podes arriscar máis porque un gol vale o mesmo. Nós somos moi fortes en ABANCA-RIAZOR, temos que arriscar, sacar un resultado moi favorable para ir a Castellón da mellor maneira posible. Alí seguramente se imos co resultado a favor o CD Castellón ten que apertar máis, ir cara arriba, arriscar e nós buscar os erros. Seguramente estean máis abertos e todo o que leva é ter un resultado favorable".
Do CD Castellón, Mario Soriano opina que "é un equipo que se atreven coa pelota, tenta saír desde atrás, fai liñas de 3, tenta filtrar e quere que o balón chegue o máis limpo posible á xente de arriba".
Non oculta a súa boa relación co ex deportivista Josep Calavera, enrolado agora nas filas castellonencas: "Durante toda a temporada estiven falándome con el. Case sempre nos falamos despois dos partidos. Este finde cando nos tocou xa falamos e esta semana igual. Falamos de todo un pouco. Temos moitas ganas de enfrontarnos. Vai ser moi bonito pero á vez moi duro porque un dos dous estará eliminado. Espero que sexa el", chancea.
Finalmente, considera que estas semifinais están ao 50 por cen e tamén alerta que "na volta se o resultado é de empate o CD Castellón encerrarase máis atrás, non arriscará tanto. Hai un 50% para os dous e despois do partido de ABANCA-RIAZOR xa veremos que sucede".
