RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA, con Henar recuperada, regresa á liga mañá en Albacete após un parón dos que "sempre volvemos ben"

Despois dun parón debido aos compromisos de seleccións nacionais, o Deportivo ABANCA volve á liga mañá domingo 16 de abril ás 12:00 na Cidade Deportiva Andrés Iniesta ante o CD Alba Fundación, en partido correspondente á 26ª xornada en Primera Federación Iberdrola.

Irene Ferreras advertiu onte en rolda de prensa que "o único que vemos é que volvemos dun parón, que sempre que volvemos dun parón volvemos ben. Queremos empezar con 3 puntos que nos dean boa inercia para afrontar este último tramo".

O empate en Abegondo ante o Granada CF (2-2) hai xa 15 días, deixou ao Dépor ABANCA en 3ª posición da categoría con 43 puntos, por detrás da SD Eibar (2º con 44 puntos) e do FC Barcelona B (líder con 49).

O equipo recupera a Henar Muiña, que se viu obrigada a pedir o cambio ante as granadinas por unha escordadura de nocello. "Con Henar si contamos porque é verdade que non está a adestrar en dinámica de equipo esta semana pero a evolución que levou foi moi boa grazas ao traballo dos Servizos Médicos e a priori, con dúas sesións de adestramento contamos con ela para o domingo", aclarou a adestradora deportivista en rolda de prensa.

Pola súa banda, o CD Alba Fundación Feminino, que no seu último partido arrincou un valioso empate (1-1) ante a SD Eibar en Unbe, chega ao encontro en 11ª posición con 30 puntos.

Na primeira volta disputada en Abegondo o pasado 7 de xaneiro venceron As Nosas (2-1) con goles de Carlota Suárez e Marta Charle.

Na Cidade Deportiva Andrés Iniesta esta temporada o conxunto manchego gañou ao SE AEM (3-2), CD Juan Grande Ginelux (2-1), Cacereño (1-0), Athletic Club B (2-0) e Real Oviedo (4-0); empatou co Rayo Vallecano (1-1), SD Eibar (1-1), Córdoba CF (0-0) e CDF Osasuna (0-0); e caeu co UDG Tenerife B (0-1), Granada CF (0-1) e DUX Logroño (0-2).

O adestrador do CD Alba Fundación, Roberto Cantarero, advirte que "o equipo está mentalizado do que ten que facer, está tranquilo e afrontamos este partido coas maiores garantías posibles para levarnos os 3 puntos".

Lembra o técnico do conxunto manchego que "levamos dous partidos moi bos, tanto aquí contra Osasuna como fóra contra o Eibar. É unha mágoa que esa falta de acerto en momentos puntuais non nos deu o conseguir os 3 puntos nos dous partidos. O equipo está a dar a súa mellor versión sobre todo ante os equipos de arriba como vimos aquí contra o Cacereño, ante Osasuna tanto aquí como fóra, mesmo contra o Dépor ABANCA alá (en Abegondo) facemos un bo partido aínda que acabamos perdendo ao final por 2-1".

Irene Ferreras e as súas futbolistas realizaron esta mañá en Abegondo a última sesión previa ao encontro e a continuación viaxan a Albacete, vía Madrid, segundo este plan de viaxe:

Sábado 15 de abril
17:10: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino Madrid
18:20 (horario aproximado): Chegada ao Aeroporto de Barajas - Adolfo Suárez e traslado en autocar a Albacete
22:00 (horario aproximado): Chegada ao Hotel Sercotel Los Llanos de Albacete

Domingo 16 de abril
12:00: CD Alba Fundación Feminino - Deportivo ABANCA, na Cidade Deportiva Andrés Iniesta
Ao concluír, viaxe en autocar á Coruña

Finalizado o encontro, As Nosas descansan o luns 17 e regresan aos adestramentos o martes 18 ás 10:00 en Abegondo.