RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor, "convencido de chegar a ser fiable lonxe de ABANCA-RIAZOR", visita mañá ao Racing de Ferrol nun duelo directo

Un repleto Estadio da Malata, sen entradas xa á venda, acolle mañá domingo 16 de abril (19:00 horas, TVG-2 e InSports.tv) un duelo directo entre o Racing de Ferrol e ao Deportivo, dous aspirantes ao ascenso, en partido correspondente á 32ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

O equipo branquiazul estará arroupado, como en cada campo no que xoga lonxe da Coruña, por #ANOSAFORZA; aínda que neste caso en número próximo ás 2.000 deportivistas dada a proximidade das dúas cidades, separadas por 50 quilómetros.

Por todo iso, Óscar Cano albisca un ambiente "extraordinario, como non pode ser doutra maneira cando se enfrontan dous equipos da parte de arriba, dous equipos de dúas localidades próximas e sobre todo dous equipos sabedores que vai quedando menos. Quedan sete xornadas e o partido non vai ser definitivo pero si moi importante", afirmaba onte na rolda de prensa previa.

A última xornada, coa vitoria en ABANCA-RIAZOR (4-2) ante o CF Fuenlabrada, deixou ao Dépor 3º con 57 puntos, por detrás do Real Madrid Castilla (2º con 59 puntos) e do AD Alcorcón (líder con 61 puntos). O Racing de Ferrol é 4º con 55 puntos e pendente de finalizar o próximo 3 de maio o seu partido no Nuevo Arcángel ante o Córdoba CF correspondente á 29ª xornada que foi suspendido con 1-1 no marcador debido ao desmaio do futbolista local Gudelj.

O Dépor conta coas baixas de Pepe Sánchez, en proceso de recuperación da súa lesión muscular, e de Isi Gómez, sancionado cun partido de suspensión ao ver a pasada fin de semana o seu quinto cartón amarelo.

Os branquiazuis realizaron esta mañá unha última sesión de traballo, en ABANCA-RIAZOR como a do pasado xoves. O corpo técnico deportivista dispuxo, após un quecemento con xogos, dunha tarefa de remates a portería, un partido 11 contra 11 e un último repaso ás accións a balón parado.

Até a data, o Dépor suma cinco vitorias no que vai de liga lonxe de ABANCA-RIAZOR. Ante os medios de comunicación, Óscar Cano admitía que "non son uns grandes números pero non son uns números ridículos. Son malos en función do equipo que somos, pero gañamos cinco fóra, algo que tampouco é fácil. Non vou descubrir que son insuficientes, dada a ambición de todos".

Móstrase convencido que "imos conseguir ser un equipo fiable fóra de ABANCA-RIAZOR porque son optimista, se o que vexo porque o vexo a diario e vexo que todos nós imos pór o mellor para que isto suceda"

Pola súa banda, o Racing de Ferrol chega ao partido após caer a pasada fin de semana en Mérida (2-1).

Na primeira volta, celebrada en ABANCA-RIAZOR o pasado 11 de decembro de 2022, gañou o Dépor (2-0) con goles de Diego Villares e Max Svensson.

No seu estadio da Malata, os pupilos de Cristóbal Parralo mostran esta temporada números de equipo aspirante a todo: gañaron ao Real Madrid Castilla (2-1), Cultural Leonesa (3-2), CF Talavera de la Reina (1-0), Linares Deportivo (2-0), UD San Sebastián de los Reyes (3-0), CF Fuenlabrada (3-0), Pontevedra CF (2-0), Algeciras CF (2-1), CF Rayo Majadahonda (4-1) e San Fernando CD Isleño (3-1); empataron co Córdoba CF (1-1), AD Mérida (1-1) e AD Ceuta FC (1-1); e perderon con Unionistas de Salamanca CF (0-1) e AD Alcorcón (1-2).

O choque é especial para o capitán deportivista Ian Mackay e o seu adestrador Alberto Casal, após o seu paso polo vestiario da Malata en diferentes etapas; e para os racinguistas Quique Fornos, Diego Rivas e Tomás Bourdal, que se formaron en #ANOSACANTEIRA.

No Racing, Cristóbal Parralo tamén foi técnico do Fabril e do primeiro equipo deportivista; Javi Manjarín, integrante do lendario Súper Dépor, pasou tamén polo banco de ABANCA-RIAZOR e polo do filial en compañía de Cristóbal; e Pablo López foi campión de España xuvenil co Dépor, ex adestrador de #ANOSACANTEIRA e membro do corpo técnico de Clarence Seedorf no Dépor, na última temporada en Primeira División dos branquiazuis.

Ao longo da semana, o racinguista Héber Pena advertiu en rolda de prensa que o partido "é especial para todos, tanto para nós como para toda a cidade. Tentaremos conseguir os 3 puntos para darlles unha alegría polo apoio que imos recibir e que vimos recibindo durante todo o ano".

O atacante ferrolán cre que o partido é "difícil. Tentaremos xogar coa cabeza e co corazón para sumar 3 novos puntos. Se somos capaces de facer o que vimos facendo en casa estaremos preto da vitoria. E é o que temos que tentar".

Fran Manzanara agarda un partido que "se decida por detalles, por pequenas cousas que tentaremos que caian do noso lado".

Finalmente Cristóbal Parralo subliñou ante os medios de comunicación que "somos conscientes da importancia que ten para poder dar unha alegría á afección. Xogamos contra un dos grandes desta categoría, un equipo que está arriba tamén. Xa vemos a resposta da afección".

Ve ao seu equipo "en boa liña desde que empezou a temporada. Non se caeu en ningún momento".

Cre necesario "buscar un equilibrio entre o emocional e o futbolístico. Por moi ben que te atopes se logo no campo non estás ben situado e non tomas boas posicións, o emocional aguántache pero aguántache pouco. Ten que haber ese equilibrio entre o que facemos e o que queremos facer".

Finalizado o encontro en Ferrol, o Dépor adestrarase de novo o luns 17 de abril ás 10:30 en Abegondo.