RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor viaxa o sábado a Córdoba coas baixas de Pepe e Lucas pero "con confianza plena nos que saian"

O Deportivo realizou esta mañá o último adestramento na Coruña antes do partido do próximo domingo 30 de abril no Nuevo Arcangel de Córdoba (20:00 horas, InStats.tv), correspondente á 34ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

Ao concluír o traballo de hoxe, Óscar Cano convocou a 21 futbolistas que mañá sábado á primeira hora da mañá viaxarán en avión a Sevilla e adestraranse pola tarde, ás 18:00, na Cidade Deportiva do Córdoba CF - Rafael Gómez.

Causa baixa Lucas Pérez, sancionado ao ver a pasada fin de semana ante a AD Ceuta FC o seu 5ª cartón amarelo que lle obrigará a cumprir un partido de sanción. En rolda de prensa, Óscar Cano manifestou esta mesma mañá que "é unha baixa moi significativa. Estamos a falar do mellor xogador da categoría".

Non obstante o adestrador deportivista asegura que "temos que pensar nos que temos, naqueles cos que podemos contar e confiar que o van a facer da mellor maneira posible".

Aínda que non quixo dar pistas, "tanto a que teño pensada como as alternativas son boas porque son bos xogadores e porque o cadro asume con naturalidade o feito de que nos estamos xogando moitísimo e con responsabilidade ten que afrontar a situación".

Lembra que antes da chegada de Lucas "o equipo gañara moito pero si é verdade que nos deu un plus definitivo para crer que é posible todo. Neste partido non está e temos que facelo o mellor posible sen el. Confianza plena nos que saian ou o que salga por el".

Tampouco viaxa Pepe Sánchez, na recta final da súa recuperación: "Se houbese que arriscar arriscariamos pero non é preciso porque se corre moitísimo risco facendo participar a Pepe. Non queremos, porque iso tamén afectaría o noso rendemento futuro, é que Pepe poida ter unha recaída. Vai cos prazos como se prevén e se Deus quere terémolo adestrando a tope xa co grupo a semana que vén".

Debido a que o adestramento de mañá, previo ao encontro, ten que ser por esixencias da viaxe en Córdoba, Óscar Cano recorreu a ABANCA-RIAZOR onte xoves e hoxe venres ás 10:30 para completar dúas sesións de alta carga táctica.

Esta mañá, tamén co fabrilista Brais Val no grupo, Os Nosos, após un quecemento con rondos, realizaron unha tarefa de finalizacións, repasaron o plan para o Nuevo Arcángel cun partido 11 contra 11 e acabaron con ensaio de accións a balón parado.