RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
GL
FABRIL

O Fabril, impulsado por Diego Gómez e Jairo, logra ante a Arandina CF a súa primeira vitoria en Segunda Federación (3-2)

En busca da primeira vitoria no grupo 1º de Segunda Federación. Así encarou o Fabril a visita á Cidade Deportiva da Arandina CF este mediodía. 

O filial branquiazul chegaba ao partido en 15ª posición con 2 puntos, froito dos empates en Avilés e Luanco; e con ansias de estrear a marcadora de triunfos.

E conseguiuno, impulsado por Diego Gómez, o canteirán que onte á noite debutaba en ABANCA-RIAZOR en partido oficial co Dépor e hoxe empuxou ao filial ao triunfo (3-2), ao anotar 2 goles e ser un pesadelo continuo para a defensa burgalesa.

Óscar Gilsanz puido contar tamén cos outros 2 fabrilistas que onte sábado sentaron no banco de ABANCA-RIAZOR co primeiro equipo: Jairo e Mati Castillo, ambos tamén titulares hoxe en Abegondo. Precisamente o centrocampista coruñés foi o autor do 3-2 decisivo.

O partido na primeira metade foi un calco do vivido hai 15 días co Rayo Cantabria. Diego Gómez adiantou ao seu equipo aos 10 minutos desde o punto de penalti, sinalado polo colexiado ao ser derrubado Mati Castillo na área por Deiby.

Pero case á media hora, Pesca foi capaz de igualar de impecable lanzamento de falta desde a frontal, circunstancia que pesou como unha laxa nos fabrilistas. 

A Arandina CF aproveitou a onda boa e adiantouse no marcador ao fío do descanso. Após un centro desde a esquerda, o balón cae libre de marca a Gonzalo na área pequena e bate a Brais Suárez. Con ese 1-2 provisional chegouse ao descanso.

Pero a diferenza do partido ante o Rayo Cantabria, os de Óscar Gilsanz saltaron ao campo na segunda parte a por o empate.

Con Diego Gómez ao mando, os branquiazuis foron acumulando ocasións. Incluso o colexiado anulou un gol legal a Mati Castillo no minuto 53 por fóra de xogo que non era.

O cerebro de Nájera e o desborde de Tim por banda dereita decantaron aínda máis o xogo do bando deportivista, após suplir a Brais Val e Vilán.

O empate non chegou até a recta final. Marc saca rápido un saque de banda a Tim, ás costas da defensa da Arandina CF. O centro alto ao segundo pau remátao Diego Gómez, imposible para Jara.

Co Fabril envorcado xa e a pesar dalgún contragolpe da Arandina CF que non pasou a maiores, Jairo marcou o gol do triunfo no minuto 86: recibe, como non, de Diego Gómez na área, recorta con clase ao seu par e cruza o balón á esquerda do meta Jara.

En rolda de prensa posterior, Óscar Gilsanz recoñeceu enfadarse con Diego Gómez no transcurso da segunda metade porque "preparamos unha xogada a balón parado que se marcou e el fixo outra cousa distinta. Por aí veu o meu enfado con el sabendo que na seguinte xogada ía tentar unha acción individual".

O técnico fabrilista apunta que precisamente unha das súas maiores virtudes é que "sempre está a tentar facer cousas, facer perigo, moverse, desmarcarse..."  

O partido concluíu cunha falta na frontal da área a favor da Arandina CF por unha derriba de Barba a un atacante burgalés, pero o lanzamento acabou nas luvas de Brais Suárez.

Con este resultado, o Fabril suma 5 puntos e escala á zona tépeda da clasificación.

Fabril: Brais Suárez, Marc (Álvaro Santamaría, min. 80), Puerto, Brais Val (Nájera, min. 55), Diego Gómez, Jairo, Marotías, Vilán (Tim, min. 72), Iano Simão, Rubén (Barba, min. 80) e Mati Castillo (Kevin, min. 55). 

Arandina CF: Jara, Dieguito, Pesca, Fer (Raly Cabral, min. 32), Jorge (Otu Joseph, min. 83), Frodo (Víctor Bravo, min. 83), Santa (Carlos Alonso, min. 68), Deiby, Kevin, Gonzalo (Ayoub, min. 68) e Haji.

Goles: 1-0 Diego Gómez, de penalti (min. 10); 1-1 Pesca (min. 28); 1-2 Gonzalo (min. 45); 2-2 Diego Gómez (min. 80); 3-2 Jairo (min. 86)

Árbitro: Miguel Vila Martín (c. asturiano). Amoestou a Diego Gómez (min. 72), Jairo (min. 86), Deiby (min. 17), Jorge (min. 43), Pesca (min. 59) e Otu Joseph (min. 90).

Incidencias: Partido correspondente á 4ª xornada no grupo 1º de Primera Federación disputado no campo principal de Abegondo.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK