Os descendentes de Paco Macho, campión da Copa España de 1912 co RC Deportivo, entregan ao Club o seu álbum fotográfico deportivo dixitalizado
- Imaxes dos tres equipos participantes na Copa de España, actual Copa del Rey, de 1910, de esquerda a dereita: RC Deportivo, FC Barcelona e Español de Madrid -
Os descendentes de Paco Macho, xogador do RC Deportivo que se proclamou campión da Copa España de 1912 recoñecida o pasado mes de marzo como título oficial por parte da RFEF, entregaron ao Club unha dixitalización do álbum fotográfico deportivo do seu parente.
Javier e Bea, netos do exjugador deportivista, e Carlos e José Manuel, sobriños-netos do mesmo, puxeron en mans do RC Deportivo un documento PDF no que se atopan preto dun centenar de imaxes relacionadas coa súa vida deportiva. No mesmo tamén hai fotografías de equipos rivais, doutras disciplinas deportivas e da actividade deportiva dos seus irmáns Luis, que tamén xogou no RC Deportivo, e Emilio.
Francisco Macho Colsa (1893 - Madrid, 5 de febreiro de 1953) consta como socio da Sala de Armas Calvet desde setembro de 1908 e empezou a xogar no equipo de fútbol a comezos en 1911. Após gañar a Copa España, en 1913 incorporouse ao RC Coruña, do que regresou ao RC Deportivo en 1918 para exercer como capitán até a súa retirada en 1920.
O RC Deportivo ten abertas as portas a calquera afeccionado, a calquera descendente de xogadores, técnicos ou empregados, que desexe achegar o seu gran de area á reconstrución e conservación de #ANOSAHISTORIA.
Para poñerse en contacto co Departamento de Comunicación do RC Deportivo, encargado de xestionar o material histórico, o teléfono das oficinas é o 981259500. A dirección das mesmas é Praza de Pontevedra, 19, 1º e atópanse abertas de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas.