Elena Vázquez representa a #ANOSACANTEIRA no campionato de Europa sub-17 que se celebra estes días en Estonia.
A defensora deportivista ten como rivais na fase de grupos a Alemaña, Suíza e a anfitrioa Estonia.
España pechará esta primeira fase mañá sábado 20 ás 16:00 (hora española) ante a anfitrioa Estoniana no Estadio Lilleküla de Tallin, xa co billete a semifinais no peto.
A segunda cita no torneo para a canteirá branquiazul e as súas compañeiras foi o pasado mércores 17 de maio ante Suíza, que debutou con triunfo (0-4) ante Estonia na 1ª xornada.
Gañaron as hispanas (3-0), resultado que clasificou xa ao equipo que prepara Kenio Gonzalo para a seguinte rolda.
Do mesmo xeito que no primeiro partido, Elena Vázquez non gozou de minutos de xogo.
O torneo arrancou para a selección española o pasado domingo no Estadio Kadriorg ante Alemaña, á que xa derrotara (4-0) na Ciudad del Fútbol nun amigable o pasado 12 de xaneiro.
O domingo, xa en competición oficial, as españolas volveron vencer (0-2) con dobrete de Vicky López. Nesta ocasión, Elena Vázquez tamén seguiu o partido no banco e non chegou a saltar ao terreo de xogo.
O calendario da Primeira Fase de España, cos resultados dos xa xogados, é o seguinte:
Domingo 14 de maio ALEMAÑA 0 - ESPAÑA 2
Mércores 17 de maio ESPAÑA 3 - SUÍZA 0
Sábado 20 de maio 17:00 (hora local, 16:00 na península): ESPAÑA - ESTONIA, no Estadio Lilleküla (Tallin)
Con 15 anos e con ficha do Orzán SD Cadete de Liga Galega, Elena Vázquez gañouse esta temporada unha praza de titular no Dépor ABANCA B e xa debutou nun amigable co Dépor ABANCA de Primeira Federación Iberdrola.