RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un Fabril que nunca se rende dobrega no desconto ao Racing Villalbés, equipo revelación, con dobrete de Mati Castillo

O Fabril asumiu na súa estrea en Segunda Federación un espírito competitivo, de loita e de fe do minuto 1 ao 90 estea quen estea enfronte.

Esta mañá, o filial masculino recibía na Cidade Deportiva quizais ao equipo revelación da temporada, o Racing Villalbés, que chegaba como 5º na táboa con 13 puntos.

Óscar Gilsanz contaba ademais coas baixas do lesionados Puerto, Fernando Somolinos, Diego Gómez e Quique Teijo; ademais dos futbolistas citados no primeiro equipo por Imanol Idiakez: Jairo, Mella, Martín Ochoa e Rubén López.

Cando o encontro parecía abocado a un empate despois dunha repartición de xogo e ocasións, apareceu a figura de Mati Castillo e a fe do Fabril.

No terceiro minuto do desconto, o atacante fabrilista recibe un gran pase de Nájera entre os centrais racinguistas e bate a Santomé ante o delirio da bancada de Abegondo.

O equipo, xa con varios xuvenís no campo como Carreira ou Vilela, celebrou o gol cunha piña nunha demostración do bo ambiente que se respira no vestiario da Cidade Deportiva.

Con este mazazo, o cadro lucense saca de centro e colga un balón á desesperada á área fabrilista que saca de cabeza Óscar Marotías. O balón cae a Nájera que manda en longo a Mati Castillo, o fabrilista máis adiantado. De novo o goleador gáñalle a partida ao defensor do Racing Villalbés, burla a saída á desesperada de Santomé e, a porta baleira, logra o segundo gol xa definitivo.

Os 90 minutos anteriores foron moi competidos entre dous equipos que se coñecen á perfección. Non en balde Óscar Gilzanz pasou 4 anos na Magdalena con Simón Lamas, técnico racinguista, como adestrador do equipo xuvenil e coordinador da canteira.

O partido arrincou cun duro disparo de Rares que se marcha lixeiramente desviado da meta de Brais Suárez. Pouco despois Uzal non pode precisar de cabeza un centro á área por banda dereita de Jose Varela.

O Racing creaba máis perigo por exemplo unha gran parada da meta fabrilista a disparo de socato de Álex Pérez despois dun erro na saída do balón do filial deportivista.

A primeira ocasión para os de Óscar Gilsanz foi un disparo raso de Iñaki desde fóra da área que se marcha rozando o poste dereito da meta de Santomé.

Pouco despois unha boa internada de Iano Simão acaba nun centro ao segundo pau que controla Thymos. O chute do australiano sae alto.

Após o paso polos vestiarios, Barba téntao tamén de lonxe pero detén seguro Santomé. Vilan repite sorte pero de novo atópase co porteiro lucense. A pesar da igualdade, o Fabril si pisaba xa a área rival con asiduidade.

Do Racing destacou un remate de Álex Pérez desde moi lonxe ás mans de Brais Suárez e unha manobra na área de Isaac ben taponada pola defensa branquiazul.

Cun perigoso lanzamento de falta de Pablo Rey que desvía con moitos apuros o porteiro do Fabril chegouse ao desenlace final, resolto por Mati Castillo co seu dobrete.

Con este resultado, o Fabril suma 13 puntos e instálase na 6ª posición con 13 puntos.

O vindeiro domingo 5 de novembro ás 17:00 toca visita á RS Gimnástica de Torrelavega.

Fabril: Brais Suárez, Lache, Pereira (Vilela, min. 86), Marotías, Iano Simão, Brais Val (Carreira, min. 76), Barba, Thymos, Vilán (Mati Castillo, min. 76), Iñaki (Nájera, min. 68) e Kevin (Santamaría, min. 86).

Racing Club Villalbés: Santomé, Quico, Vérez (Pablo Rey, min. 84), Nathaniel, Jose Varela, Javi Varela, Uzal, Buyo, Álex Pérez (Isaac, min. 68), Santi Gegunde (Javi Rey, min. 68) e Rares (Christian Martínez, min. 46).

Goles: 1-0 Mati Castillo (min. 90+3); 2-0 Mati Castillo (min. 90+5).

Árbitro: Eduardo Rodríguez García (c. asturiano). Cartón amarelo a Brais Val (min. 19), Nathaniel (min. 49), o adestrador visitante Simón Lamas (min. 49), Verez (min. 78), Quico (min. 83) e Vilela (min. 87).

Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación disputado na Cidade Deportiva de Abegondo.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK