RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Xadrez

Image

UN ALCALDE CAMPIÓN E UN GRAN MESTRE INTERNACIONAL

En novembro de 1965 ve a luz a sección de xadrez, que contaría de inicio cun ilustre xogador, Domingos Merino, que anos despois sería Alcalde da Coruña. O político herculino, que pertence á sección de xadrez do RC Deportivo durante case unha década, logra o campionato galego en cinco ocasiones. Con todo, o seu maior éxito é a conquista da medalla de bronce no Campionato de España Absoluto en dúas edicións consecutivas, 1972 (o 11 de setembro en Salamanca) e 1973 (o 5 de agosto en Santa Cruz de Tenerife). Merino tamén lograría unha cuarta praza en 1969 e senllas sextas posicións en 1970 e 1971.

Xunto a Merino, os pioneiros dos taboleiros branquiazuis son Venancio Carro, Francisco Peláez, Fernando Prada, Nicolás Santos, Roberto Torres e Rocha, aos que poucos meses despois súmanse Emiliano Prada, Luis Martínez, Eduardo Pardo e Carlos Viñas. En 1966, o equipo refórzase cun dos grandes do xadrez español. Jesús María Díez del Corral, campión nacional absoluto o ano anterior, compite aquel ano cos branquiazuis ao atoparse na Coruña por motivos laborais. Con el, os deportivistas alcanzan o quinto posto no Campionato de España por equipos, disputado en Bilbao entre o 7 e o 17 de xuño.

Con todo, a mellor actuación a nivel colectivo producirase dous anos despois, en 1968. O 11 de setembro, en Murcia, o RC Deportivo sobe ao terceiro chanzo do podio nacional, só superado polo Club Schweppes de Madrid e o Club Ajedrez Español de Barcelona. Formaron o equipo deportivista en terras murcianas Fernando Prada (o mellor de todo o torneo a nivel individual), Domingos Merino, Venancio Carro (que xunto a Fernando Prada e Merino conforma o trío de deportivistas que ostentan o título de Mestre Nacional), Emiliano Prada e Luis Martínez.

Despois de pouco máis dunha década participando cos mellores a nivel estatal, e de volver lograr unha quinta posición por conxuntos en 1971, a finais desa década o Deportivo pasa a competir a nivel local e rexional.

Na súa despedida, na Temporada 1991-1992, o equipo branquiazul conquista o Campionato Galego, cos seguintes xadrecistas: Marcelo Toledano, Marcial García, Jesús Pallas, Fermín Vázquez, Antonio Frois, Álvaro Santiso, Manuel Polo, José Manuel Bello e José Antonio González.