RCD / NOVAS

A Cidade Deportiva de Abegondo estrea novo comedor para o primeiro equipo

11/07/2018 17:16

A nova temporada, que comezou o pasado luns co regreso dos futbolistas e hoxe coa primeira sesión de adestramento, tamén trouxo novidades e melloras nas instalacións da Cidade Deportiva de Abegondo. A máis destacada, a creación dun novo espazo para a convicencia dos xogadores do primeiro equipo nas súas xornadas de traballo.

Na primeira planta do edificio da Cidade Deportiva de Abegondo substituíronse dous despachos por un novo comedor que utilizarán os xogadores e o corpo técnico do primeiro equipo a diario tanto para o almorzo previo ás xornadas de traballo como para a comida. A área, bautizada como Sala Calvet, ximnasio no que se fundou o Real Club Deportivo en 1906, dispón tamén dunha pequena zona de descanso e permite ser transformada en espazo de reunións e encontro coas directivas visitantes nos partidos do Fabril.

Esta é unha nova mellora que se suma aos continuos avances realizados durante os últimos anos na Cidade Deportiva: novo vestiario e ximnasio do primeiro equipo, novos vestiarios para as categorías formativas, recuperación de almacéns, instalación de asentos nas bancadas, bancada supletoria, videomarcador, ximnasio para as categorías formativas, recuperación e mantemento de todos os campos de xogo, ... un investimento total de 1,5 millóns de euros para adaptar Abegondo ás necesidades do equipo profesional e dunha canteira como a do Dépor.