RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

A maxia de Quiles derruba ao UD Sanse (1-0)

O Deportivo impúxose ao UD San Sebastián de los Reyes en ABANCA-RIAZOR nun encontro que dominou practicamente de punta a cabo pero que só foi capaz de plasmar en marcador grazas a unha xenialidade de Alberto Quiles ao cuarto de hora da segunda metade.

Óscar Cano, adestrador branquiazul, realizou dous cambios con respecto ao once inicial da pasada xornada en Valdebebas ante o Real Madrid Castilla. Jaime supliu ao sancionado Lapeña no centro da defensa e Isi Gómez ocupou a posición de Olabe en mediocampo.

As primeiras oportunidades do partido correron a cargo do conxunto visitante. No minuto 11, nun balón en profundidade para Arturo que cruzou en exceso o seu dereitazo, que se perdeu frouxo á dereita de Mackay. E pouco despois, Sergio Nieto roubou a pelota en tres cuartos e empalmou un zurdazo que sacou o porteiro coruñés a córner.

Ao contrario do que parece, o control do partido correspondeu ao Dépor, que dispuxo de maior posesión e dominio territorial. Con todo, aos branquiazuis faltoulles precisión no último pase.

O primeiro disparo a porta do Dépor produciuse no minuto 24. Un dereitazo afastado pero moi axustado de Svensson que Pedro López atrapou con dificultades. Dous minutos despois, unha cabezada bombeada de Isi Gómez no segundo pau a centro de Antoñito, que superou a Pedro López, sacouna Charlie baixo paus. O rexeite caeu a Quiles, que disparou caendo ao chan após regatear a un defensa, frouxo a mans do porteiro visitante.

Máis preto aínda do gol estivo Pablo Martínez á media hora de xogo. Un córner lanzado por Rubén Díez cabeceouno con potencia o central francés. O coiro perdeuse por riba do traveseiro, tan preto do mesmo que deixou tremendo a rede da parte superior do marco. O Dépor non conseguiu elevar ao marcador os seus minutos de maior precisión en ataque.

O UD Sanse tampouco aproveitou as súas mellores ocasións para adiantarse no marcador. No minuto 39, Coulibaly conduciu un contragolpe pola dereita, o francés puxo o balón á media lúa da área para a incorporación de Arturo e o lanzamento do dianteiro, cruzado e raso, desviouno a córner Mackay nunha gran intervención. Nun segundo córner consecutivo, Mecerreyes cabeceou en posición similar á anterior do deportivista Martínez, co mesmo resultado: o balón lambendo o traveseiro.

Ao fío do descanso, unha veloz combinación da medular coruñesa acabou con Mario Soriano ante campo aberto. O alcalaíno buscou en profundidade a Quiles, que desafortunadamente non atopou nin o desmarque de ruptura de Antoñito nin o remate en boca de gol de Svensson.

Na segunda parte, o UD Sanse quixo dar un paso adiante, pero ese avance durou pouco tempo. Até o lanzamento de Mecerreyes, desde 25 metros moi desviado, no minuto 49.

O Dépor comezou a engarzar ataques que unha e outra vez se perdían en centros demasiado longos ou en últimos pases pouco precisos. No minuto 56, Svensson volveu probalo desde a frontal da área, pero esta vez o esférico fóiselle alto.

O único tanto do partido produciuse no minuto 61. Non foi nunha acción elaborada, senón nun contragolpe. Rubén Díez recuperou a pelota nas inmediacións da área deportivista e conectou con rapidez para Quiles. O '9' correu máis de 50 metros cara a cara co seu marcador e, á entrada da área, colocou un sutil disparo co interior da súa bota esquerda pegado ao pau contrario, lonxe do alcance do gardameta madrileño. Foi o segundo tanto da temporada do máximo goleador do curso pasado.

A partir de entón, con longas posesións, con fútbol-control, o Dépor mantivo ao seu rival afastado da portería de Mackay durante moitos minutos. O UD Sanse forzou dous saques de esquina nos minutos 73 e 83 e puxo en aprietos á zaga coruñesa con senllos saques de banda larguísimos do camerunés Fomeyem. E pouco máis.

Entre medias, os branquiazuis dispuxeron de varias opcións para sentenciar a contenda. No minuto 74, Mario Soriano internouse pola esquerda e serviu por baixo para Santamaría ao que, completamente só, escapóuselle o control e non puido definir ante Pedro López, que saíu veloz para abortar o perigo. Un minuto despois, Mario Soriano soltou un lategazo, un pouco escorado á esquerda do ataque coruñés, que repeleu como puido o gardameta do conxunto madrileño. No minuto 79, o propio '10' quedou man a man con Pedro López após un pase en profundidade de Santamaría, pero estrelou o seu tiro contra o porteiro visitante. Poucos segundos despois, un centro-chute de Raúl Carnero superou por arriba a Pedro López e sacou achas do pau esquerdo do portal madrileño.

Durante os cinco minutos de tempo engadido, o Dépor defendeuse á perfección e só permitiu un disparo afastado e desviado do ex branquiazul Rafa de Vicente.

Con esta nova vitoria, a cuarta en seis partidos en #ANOSACASA e cimentada na terceira portería a cero da temporada, o Deportivo alcanza os 18 puntos despois de 10 xornadas, manténdose no grupo de cabeza da clasificación.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito, Jaime, Martínez, Raúl Carnero, Isi Gómez (Olabe, min. 57), Diego Villares, Rubén Díez, Quiles (Kuki Zalazar, min. 88), Svensson (Santamaría, min. 57) e Mario Soriano.

UD San Sebastián de los Reyes: Pedro López, Rafa Navarro, Juanra, Charlie (Fomeyem, min. 83), Sergio Nieto (Ródenas, min. 83), Javi Gómez (Pedro Benito, min. 57), Mecerreyes (Jorge Jiménez, min. 70), Rafa de Vicente, Borja Martínez (Raúl Hernández, min. 70), Coulibaly e Arturo.

Gol: 1-0 Quiles (min. 61).

Árbitro: Pérez Peraza (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Mecerreyes (min. 23), Svensson (min. 35), Rafa Navarro (min. 89), Santamaría (min. 90+4) e Arturo (min. 90+5).

Incidencias: partido da 10ª xornada do Grupo 1 de Primera Federación disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 15.764 espectadores.